03 xullo 2012

TVE censura a EU-IU nas informacións do Orgullo 2012

TVE omite a presenza de EU-IU na manifestación estatal do Orgullo 2012, mentres que menciona a outras formacións políticas, a pesares de que nos seus arquivos figura de xeito explícito documentación gráfica que constata a participación de EU-IU na marcha.


O TD-2 do pasado sábado, o informativo da pública máis inmediato á celebración da manifestación estatal, recolleu unha información de claro sesgo político no tratamento que fixo da celebración do Orgullo.       


No minuto 04:32 recollía en titulares a celebración que a esas horas aínda estaba tendo lugar nas principais rúas de Madrid, ao que lle adicou 28” cunha conexión en directo. Xa na propia sección de Sociedade, como nova de cabeceira logo dos Deportes, a partir do minuto 34:32 recolle unha ampla crónica de 3’ 38”. Neste punto inclúese unha peza informativa de 30” para referirse á presenza de sindicatos e formacións políticas na marcha, baixo o rotulo que se pode ler na imaxe e que reza “UGT, CCOO, PSOE, UpyD y Equo se suman a la marcha del Orgullo Gay”. En ningún momento se fai referencia á presenza destacada de EU-IU, que saíu en cabeceira das formacións políticas que defilaron no Orgullo, cunha pancarta vertical, unha bandeira xigante, unha pancarta horizontal sostida por globos xigantes de helio, e todo isto amenizado por unha batucada que facía que a delegación de EU-IU non pasara inadvertida, excepto para TVE.

Fronte o agravio da cadea pública cabe recoñecer que EU-IU foi a primeira forza política do Estado en crear un grupo de traballo LGTB en defensa das liberdades sexuais, xa no ano 1994. Nos anos seguintes EU-IU foi a forza de bandeira en canto á defensa dos dereitos e liberdades LGTBI nas institucións, destacando a proposta de recoñecemento do matrimonio igualitario anos antes da súa tramitación parlamentaria.

Deste xeito dende ALEAS-EU solicitamos a Elena Sánchez Caballero, defensora do espectador en RTVE, que responda fronte ao trato discriminatorio que se lle deu a EU-IU nas informacións do Orgullo 2012 nos telediarios de TVE1 durante a pasada fin de semana. Do mesmo xeito reclamamos o respecto que merece a terceira forza política do Estado en número de votos, que ten de sobra demostrado o seu compromiso cos dereitos e liberdades LGTBI.