Amosando publicacións coa etiqueta ViH. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ViH. Amosar todas as publicacións

01 decembro 2014

Manifesto polo 1 de Decembro, Día Internacional de Loita contra o VIH

ALEAS-EU en loita contra os recortes en Sanidade, que cada día persudican máis ás persoas con VIH


Este 1 de Decembro, día Internacional de Loita contra o VIH-SIDA, queremos visibilizar a nefasta situación na que estamos inmersas as persoas que vivimos co VIH. Resistindo unha marea neoliberal de recortes e de suspensión das canles democráticas institucionais, un ano máis volvemos pelexar pola nosa dignidade como persoas, polos dereitos e as liberdades conseguidas polas nosas irmás no pasado.

29 novembro 2013

Os seus recortes, as nosas mortes | 1 de decembro - Día da loita contra o VIH/Sida

Unha vez máis, con motivo do 1 de decembro, dende ALEAS-EU expresamos o noso máis enérxico compromiso coa loita pola erradicación do VIH/Sida e polos dereitos e liberdades das persoas que vivimos co virus. Agora máis que nunca, nun momento no que a nosa democracia está secuestrada polos poderes económicos e financeiros, reivindicamos máis dereitos e liberdades e nos opoñemos a que a exclusión social sexa a norma da nosa sociedade.


Coa escusa dunha "crise", que nós riscamos de "estafa", asistimos a un retroceso de dereitos e liberdades inaceptable. Cos drásticos recortes en materia de política social, encontrámonos cunha cidadanía debilitada que volve definirse grazas ás exclusións de numerosos grupos sociais. A través de políticas como o copagamento, a externalización dos servizos sanitarios ou a retirada da tarxeta sanitaria a grupos de persoas emigrantes, os dereitos transfórmanse nos privilexios duns grupos sociais fronte á indefensión doutros. Evidentemente, é especialmente grave no caso das persoas emigrantes que viven co VIH, posto que iso pode levar consigo situacións nefastas na súa saúde, e mesmo a morte. Non obstante, vémonos no compromiso de transformar este escenario a través da recuperación da nosa democracia e na ampliación e o fortalecemento dos nosos dereitos e liberdades como garantías fronte ás situacións de exclusión, discriminación e desigualdade nas que nos estamos a ver inmersas.

29 outubro 2013

I Encontro Estatal de ALEAS-IU - Madrid, 26 e 27 de outubro de 2013

ALEAS-EU fixa as súas próximas liñas de acción e renova o seu equipo de coordinación coa vista posta nos novos desafíos do movemento LGTBI


A pasada fin de semana tivo lugar en Madrid o I Encontro Estatal da Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Izquierda Unida (ALEAS-IU). Ao devandito Encontro acudiron máis de 50 activistas e militantes de todo o Estado español, tanto de IU como de distintas organizacións LGTBI, que se deron cita para definir as liñas de acción de Izquierda Unida no ámbito dos dereitos e liberdades afectivo-sexuais e de xénero durante os vindeiros anos.

Este Encontro estivo marcado por un forte carácter participativo nos debates sobre os temas de maior interese e preocupación dentro do movemento LGTBI. Así, entre os temas máis relevantes atopáronse a loita contra o VIH/Sida, o respaldo ás demandas dos colectivos de persoas transexuais, as accións destinadas a pór freo á discriminación LGTBIfóbica nos ámbitos educativo, sanitario e rural, unha resposta efectiva á violencia en parellas do mesmo sexo e unha aposta integral por un Estado laico, que implique a negación efectiva da influencia de calquera credo relixioso sobre as institucións públicas.

23 agosto 2013

ALEAS-EU esixe a rectificación da Xunta fronte á discriminación das persoas VIH+ no acceso á formación

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) considera inaceptable a discriminación das persoas seropositivas no acceso á formación, segundo establece a Consellería de Educación nas bases de acceso ao Ciclo Formativo de Perruquería, que se imparte no IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol.


ALEAS-EU súmase deste xeito á denuncia que ven de facer Lazos Pro Solidariedade – Comité Antisida de Ferrol en relación ás condicións discriminatorias, establecidas pola Consellería de Educación, no acceso ao Ciclo de Formación en Perruquería que se imparte no IES Ricardo Carballo Calero de Ferrol.

29 maio 2013

ALEAS-EU denuncia o perigo da aplicación de móbil "VIHda"

ALEAS-EU rexeita as aplicacións móbiles pseudocientíficas para detectar o VIH e esixe a súa inmediata retirada

Desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) mostramos o noso máis profundo rexeitamento e indignación fronte ao lanzamento da aplicación móbil VIHda”, promovida recentemente pola Confederación COLEGAS. O noso rexeitamento non só se atopa motivado polo feito de que a nota de prensa emitida por devandita confederación para promocionar a aplicación asegure que esta “permite ao usuario medir as probabilidades de contaxio de VIH na súa última relación sexual”, cando é dabondo coñecido polas organizacións e comunidades científicas que levan anos traballando no campo do VIH que este non se contaxia senón que se infecta ou se transmite.
Un axente infeccioso-contaxioso é aquel que cumpre parte do seu ciclo vital fóra do corpo humano. É dicir, é capaz de sobrevivir no medio ambiente (aire, auga, alimentos contaminados, terra, etc) ou dentro dun animal que teña infección, durante periodos de tempo prolongados. O VIH non posúe tales características, ao contrario, pois trátase dun axente infeccioso-transmisíbel, dado que cumpre todo o seu ciclo vital dentro do corpo humano e que, por tanto, só pode transmitirse por contacto directo entre o corpo dunha persoa e o doutra a través dun intercambio de fluídos. O uso dese tipo de linguaxe contribúe a perpetuar aínda máis a discriminación cara ás persoas que vivimos co VIH. como así o sinalan estudos realizados e guías de estilo publicadas por CESIDA, ONUSIDA e outras entidades estatais e internacionais.

Doutra banda, por si isto fose pouco, COLEGAS refírese a “VIHda” como unha aplicación que “permite un diagnóstico eficaz e anónimo”. Este tipo de afirmacións xeran confusión na poboación que a miúdo carece de información veraz respecto da saúde sexual e descoñece que nada que non sexa unha proba específica pode ofrecer un diagnóstico eficaz para o VIH. Desde ALEAS-EU consideramos que esta aplicación resta máis que suma ao traballo que moitas outras entidades veñen desenvolvendo na resposta ao VIH/Sida desde fai 30 anos, pois pode inducir á xente a deixar de realizarse probas rápidas de VIH, dificultando así a moi necesaria detección precoz. Cremos pois que, de xeito evidente, esta aplicación non é útil para o fin que se publicita.
Pero o que nos parece máis deleznable é que desde o 'Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade' se eliminase o financiamento público de proxectos pioneiros únicos no estado español, referentes a nivel internacional, con resultados sobradamente demostrados e cunha traxectoria intachable, como son os casos do Servizo 900ROSA da Coordinadora LGTB de Catalunya e o Centro MediosySida da REDVIH, entre outros, en prol de subvencionar proxectos de dubidosa evidencia científica e de cuestionable eficiencia e eficacia. Desde ALEAS-EU só podemos entender este feito a través do claro trato de favor e a parcialidade por motivos políticos e ideolóxicos coa que se outorgaron as subvencións públicas do Plan Nacional da SIDA na convocatoria do ano 2012.
Por último, desde ALEAS-EU denunciamos, unha vez máis, os recortes que se están producindo contra a nosa sanidade pública. Estes non só provocan que se deixen de financiar iniciativas realmente útiles na prevención do VIH/Sida, como as anteriormente citadas, senón que tamén dificultan claramente o avance da investigación científica que nos permitiría desenvolver estratexias realmente novas e innovadoras, con evidencia científica que as apoie, que transmitisen información veraz e actualizada, que aplicasen metodoloxías realistas e eficaces, e que xerasen resultados obxectivos e positivos, características que “VIHda”, sen dúbida, non cumpre, polo que non podemos senón esixir a súa inmediata retirada.

Máis info: