03 xuño 2016

Valoración convenio económico da Xunta coas entidades LGTBI galegas


ALEAS-EU CALIFICA DE “PROPOSTA ELECTORALISTA” A CREACIÓN DUN CONVENIO SORE PROPOSTAS LGTBI A UN MES DO 26-X E PRETO DAS AUTONÓMICAS GALEGAS


Para Noel Dopazo, “esta estratexia crea certas dúbidas sobre se toda a proposta quedará en papel mollado”. Doutra banda, dende Aleas-EU ven necesaria a rápida creación dun “observatorio contra a LGTBIFOBIA” onde todas as entidades LGTBI galegas estean representadas.


Compostela, 03 de xuño de 2016. A área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) mantivo unha xuntanza coa Secretaría Xeral de Igualdade para ser informada da creación dun convenio económico entre a Xunta e as asociacións LGTBI galegas, de cara a traballar xuntas e aportar fondos para as súas actividades.



O coordinador da área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), Noel Dopazo, tacha de “imprescindible” a necesidade de “dotar de recursos ás entidades LGTBI de cara a que estas fagan uso deses cartos dunha maneira independente e comprometida coa causa”.



Deste xeito, dende ALEAS-EU vemos con bos ollos que o compromiso das institucións aumente no que á loita polos dereitos LGTBI se refire, “mais non podemos obviar que estes primeiros pasos chegan tarde e en pleno ano electoral, parecendo máis unha medida electoralista que un compromiso real na conquista dos nosos dereitos”, sinala Dopazo.



A pesares desto, “consideramos positiva a aprobación deste convenio e instamos á Xunta a seguir avanzando, de cara a crear unha mesa permanente a modo de 'Observatorio contra a LGTBIfobia' na que todas as asociacións, colectivos, activistas e demais espazos LGTBI teñamos voz para poder asesorar e aportar ideas nos seguintes pasos e campañas a realizar”, remata.