Amosando publicacións coa etiqueta LGTBI. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LGTBI. Amosar todas as publicacións

27 maio 2016

A Xunta quere crear un convenio coas asociacións LGTBI galegas

NOEL DOPAZO E SUSANA LÓPEZ REÚNENSE PARA AVANZAR NA PROCURA DA NORMALIZACIÓN REAL DA DIVERSIDADE SEXUAL

Compostela, 27 de maio de 2016. O coordinador da area de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), Noel Dopazo, foi invitado pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López, co obxecto de ter unha xuntanza co fin de informarlle das medidas e actuacións que se levarán a cabo no relativo ás asociacións e organizacións LGTBI dende a Xunta, así como o traballo conxunto que se podía levar a cabo.

14 maio 2014

"Sen unha revolución social contra o modelo económico da UE, non haberá dereitos LGTBI"

 

Javier Sáez, candidato ao Parlamento Europeo, expresa a súa opinión sobre os retos que temos que afrontar nesta lexislatura o colectivo LGTBI.


Segundo unha recente enquisa da Axencia Europea de Dereitos Fundamentais (FRA) sobre a discriminación LGBTfóbica (unha amplísima enquisa a 90.000 persoas LGBT), este tipo de discriminación está aínda moi estendida en case todos os países da UE. Case a metade (47 %) dos consultados sinalou que se sentiron persoalmente discriminados ou acosados por motivo da súa orientación sexual no ano anterior á enquisa. Máis do 80 % dos consultados de todos os Estados membros da UE recordan comentarios negativos ou actos de intimidación dirixidos contra mozos LGBT no ámbito escolar. Dous terzos (67 %) dos consultados declararon que «a miúdo», ou «sempre» esconderon ou ocultaron a súa condición de LGBT na súa etapa escolar ata os 18 anos de idade. Estes datos demostran a necesidade que existe na UE de impulsar de forma moito máis decidida que ata agora políticas e medidas concretas para previr e combater a LGBTfobia en Europa.

10 marzo 2014

Na túa vila tamén se entende

'Na túa vila tamén se entende' é unha campaña de visibilidade LGTBI no rural, da man da Área de Liberdade Afectivo-Sexual (ALEAS) de Esquerda Unida. Así, ALEAS-EU realizará diferentes actos por todo o país ao longo deste ano.



Porque unha campaña de visibilidade LGTBI no rural?
A diversidade sexual é unha realidade na nosa sociedade, e non só nas cidades, senón tamén no rural. Nos pobos e vilas de Galicia viven gais, lesbianas, transexuais, bisexuais e intersexuais, ao igual que ocorre nas cidades, aínda que de xeito moito menos visible. Ás veces as propias condicións de vida do rural poden levar a esta invisibilidade, polo que consideramos preciso facer un esforzo por chegar a todas e todos vós.

02 agosto 2013

Ante as declaracións do novo Papa

 

ALEAS-EU NON CRE AS PALABRAS DO PAPA FRANCISCO E DENUNCIA QUE SON SÓ UNHA ESTRATEXIA PUBLICITARIA


Nos últimos días está a haber unha gran polémica referida ás declaracións do Papa Francisco nas 'Xornadas Mundiais da Xuventude' en Río de Janeiro, onde aseguraba que “se un gai ten boa intención e busca a Deus, quen son eu para xulgalo?”.

26 xuño 2013

Manifesto de ALEAS-EU con motivo do 28 de Xuño, Día do Orgullo LGTBI


FRONTE Á CRISE DO RÉXIME: ORGULLOSAS E COMBATIVAS!


Máis de catro décadas despois dos disturbios que tiveron lugar no barrio neoiorquino de Stonewall volvemos a saír ás rúas. Somos outras activistas e, ao mesmo tempo, somos as mesmas; caras e espacios diferentes, idénticas esixencias de igualdade. O 28 de Xuño reivindicamos con orgullo un momento histórico de logros e conquistas, pero tamén apostamos pola continuidade dun movemento social que nos permita seguir avanzando na consecución da igualdade real e efectiva.



11 xuño 2013

O noso modelo de Orgullo


A modo de introdución


Na actual coxuntura de crise terminal do sistema capitalista, a esquerda transformadora debe traballar dende abaixo na conformación dun bloque sociopolítico alternativo e potente que rexeite e combata o austericidio neoliberal; que impulse non só un cambio radical de políticas, senón a construción dun sistema verdadeiramente igualitario, xusto e democrático a través dun novo proceso constituínte. No marco desta ambiciosa tarefa, as experiencias de converxencia e confluencia co conxunto dos movementos sociais toman un papel protagonista para articular a proposta política e a mobilización social, en definitiva, para construír a alternativa necesaria e urxente á ortodoxia neoliberal.

05 xuño 2013

Declaración de ALEAS-EU por un Orgullo LGTBI nacional e reivindicativo



ALEAS-EU FAI UN CHAMAMENTO PARA A REALIZACIÓN DUNHA MANIFESTACIÓN DO ORGULLO NACIONAL  

A Sociedade está a sofrer un ataque sistemático por parte dos mercados, a Troika e as medidas neoliberias do bipartidismo. A privatización da sanidade, a aprobación da LOMCE, a reforma da lei do aborto, a amnistía fiscal ou a reforma laboral son só algúns dos exemplos disto. Todas estas medidas afectan a toda a Sociedade, pero son especialmente duras para certos sectores da poboación, como as mulleres ou as e os inmigrantes.  

Estas medidas tamén son un ataque directo ao colectivo LGTBI. O actual partido dos gobernos autonómico e central, o Partido Popular, herdeiro das antigas élites do franquismo, nunca foi amigo de apoiar ás minorías sexuais nin a normalización da súa situación, como demostra o fallido recurso ante o Tribunal Supremo contra a Lei do matrimonio igualitario, as declaracións homófobas de membros do mesmo, como as do Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, ou o rexeitamento de crear un plan de saúde LGTBI na Galiza.  

E todo isto nun momento no que o texido organizativo LGTBI é moi feble. Tras a aprobación do matrimonio igualitario, a socialdemocracia deu a entender que todas as loitas do colectivo tocaran á súa fin, que xa non quedaba nada polo que loitar, desarticulándose en poucos anos unha grande parte do movemento LGTBI nacional e estatal.  

Sen embargo, vemos cada día que isto era falso, e que a nosa loita segue a ter un longo camiño por adiante. A homofobia institucional, os dereitos das persoas transexuais, o acoso LGTBIfóbico nas escolas e institutos, a visibilización LGTBI no rural, a loita contra o VIH, entre outras, son loitas fundamentais para acadar a normalización social do colectivo e a conquista de dereitos non recoñecidos.   

Neste contexto, dende a Área de Liberdade de Expresió Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), consideramos que a organización da resposta social é imprescindíbel, polo que o reimpulso da loita LGTBI organizada é unha prioridade.   

Neste senso, dende ALEAS-EU defendemos a celebración dunha manifestación nacional do Orgullo na Galiza, non só como una celebración, senón como a data de mobilización política e social máis importante no calendario LGTBI, adicada de forma esencial ás reivindicacións e protestas da comunidade LGTBI.  

ALEAS-EU rexeita a mercantilización que se ven facendo desta data na última década, unha mercantilización que leva á creación dun 'capitalismo rosa' que trae consigo o reforzamento dos estereotipos e clichés que existen sobre o colectivo. 
  
Así, dende a esquerda transformadora avogamos por un Orgullo que teña por protagonistas ás asociacións LGTBI, ás que corresponde a convocatoria, que compre sexa apoiada por forzas políticas, sindicais e sociais como o feminista ou o laicista, comprometidas coa causa, rexeitando a participación na convocatoria e financiación da mesma por parte de empresas privadas.  

Só coa loita e a organización seguiremos avanzando nas conquistas sociais e resistindo as envestidas do neoliberalismo, do catolicismo e da LGTBIfobia. Por un Orgullo nacional, combativo, anticapitalista, feminista e contra o heteropatriarcado!   


Máis info. en: 

aleas@esquerdaunida.org 

http://aleas-eu.blogspot.com.es 

19 abril 2013

ALEAS-EU fronte á homofobia do PP

ALEAS Esquerda Unida denuncia a homofobia do Partido Popular que ven de rexeitar en Comisión de Sanidade no Parlamento Galego a PNL de AGE sobre a creación de  Plans de Saúde específicos para a comunidade LGTBI. 


Os argumentos dados polo Grupo Parlamentar Popular para votar en contra da PNL pasan por entender que "a sexualidade forma parte da intimidade de cada persoa" e que "non queren facer guetos na sanidade".

Negar a existencia de necesidades que requiren un plantexamento específico e rexeitar a posibilidade de formar ao persoal sanitario, provoca inequivocamente o que eles din que pretenden evitar: provoca a ausencia de protocolos preventivos con respecto á saúde e deriva en aspectos mal tratados (tanto física como psicoloxicamente) por ausencia de coñecemento e formación por parte dos profesionais. Igualmente nega a posibilidade de lanzar campañas públicas de información e prevención específicas.

A OMS (Organización Mundial da Saúde) con datos dispoñibles de dezasete Comunidades Autónomas españolas, alerta que no último ano de referencia (2011) rexistráronse 2763 novos diagnósticos de infeccións por VIH dos cales un 53,6% se corresponden con infeccións en HSH (Homes que teñen Sexo con Homes). Este dato mostra que nun periodo de tan só catro anos a taxa de novos diagnósticos vese incrementada nun 20%. Nesta liña, GESIDA(Grupo de Estudio de SIDA) alerta de que as medidas de restrición no acceso da poboación inmigrante ilegalizada en materia de saúde sexual poden incrementar entre un 10% e un 20% as infeccións por VIH en España e que neste primeiro ano poderán producirse entre 20 e 50 mortes derivadas desta carencia.

Outras ITXs (Infeccións de Transmisión Xenital) sofren tamén incrementos nas taxas de incidencia. Tres de cada catro diagnósticos de Sífile e un de cada dous diagnósticos de Gonococia corresponden a HSH en España (dato do Sistema EDO de vixilancia epidemiolóxica para ITXs).

As medidas discriminatorias e de recortes do Goberno central en materia de saúde pública son culpables directas desta situación e o Goberno de Galicia, como responsable en materia de saúde, é o xestor e cómplice da ausencia de plans específicos de saúde sexual para as persoas LGTBI.

Dado que a Lei establece igualdade entre tódalas persoas sen prexuízo de sexo, identidade ou orientación sexual tanto en Galicia como no conxunto do Estado español, as necesidades LGTBI en materia de prevención e saúde sexual deben ser correctamente tratadas e expostas a través de plans específicos e non excluíntes: prevención de ITXs, controis epidemiolóxicos, revisións médicas, necesidades psicolóxicas e igualdade de trato en campañas informativas e preventivas, que se complementarán coa elaboración e difusión doutras específicas. Ao persoal sanitario deberá dárselle ademais formación adecuada.

A negación por parte do Grupo Parlamentario popular e o Goberno de Galicia de conformar estas materias específicas en función de saúde sexual supón unha neglixencia institucional que atenta contra as persoas LGTBI e o conxunto da poboación.

Afirmar que "a sexualidade pertence ao ámbito da intimidade" é unha actitude hipócrita por parte dun goberno que pretende limitar o dereito ao aborto, que se nega a lexislar en materia de transexualidade e que deixa ao colectivo inmigrante ilegalizado sen atención sanitaria básica.

Dende ALEAS Esquerda Unida instamos polo tanto, de novo, ao Grupo Parlamentario Popular e ao Goberno de Galicia a tomar cartas en materia de prevención, formación e atención con Plans de Saúde Sexual LGTBI, a reclamar ao Goberno central o restablecemento da sanidade pública universal, a que se posicionen favorablemente en relación ao Pacto Social pola non discriminación asociada ao VIH-SIDA, a lexislar políticas específicas para persoas transexuais e a restituír orzamentos para un plan específico para a comunidade LGTBI.
 

18 abril 2013

O PP rexeita crear un Pan de saúde LGTBI

O PP ven de amosar unha actitude homófoba ao rexeitar a creación dun Plan de saúde específico para a comunidade de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. 

Alternativa Galega de Esquerda presentou unha iniciativa en comisión parlamentaria para a creación dun Plan de saúde específico para a comunidade LGTBI (lesbianas, gais, transexuais e bisexuais) no que garanta a igualdade de todas as persoas sen prexuízo de sexo, identidade e orientación sexual tanto en Galicia coma no conxunto de España, iniciativa que foi rexeitada polo PP amosando unha vez máis a súa actitude homófoba e a súa falla de sensibilidade co colectivo.

A deputada Eva Solla calificou de deplorables as declaracións do PP nas que xustificaban a súa votación en contra porque “a sexualidade forma parte da intimidade de cada persoa” e afirmando que “non queren facer güetos na sanidade”.

A deputada de AGE insistiu na necesidade de ofrecer formación aos profesionais sanitarios específica acerca da saúde deste colectivo, para evitar posibles situacións de discriminación por descoñecemento sobre qué facer, e non tanto por actitudes homofóbicas por parte dos profesionais.

As persoas homosexuais, bisexuais e transexuais teñen unhas necesidades en materia de prevención e promoción da saúde diferentes nalgúns aspectos ás que poden precisar as persoas heterosexuais. Coma pode ser o caso da prevención das ITXs (infeccións de transmisión xenital), o seu control epidemiolóxico, revisións médicas (xinecolóxicas, urolóxicas…) ou necesidades psicolóxicas.

Na actualidade gran parte desta atención non se está a prestar axeitadamente por falla de adaptación das campañas xerais de saúde dende unha perspectiva LGTBI e por falla de formación axeitada nos propios profesionais. Isto xera prexuízos tanto para estas persoas de maneira particular coma para o conxunto da sociedade, impedindo a igualdade real de dereitos.

Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda considera unha cuestión de xustiza que o goberno galego deseñe e poña en funcionamento un Plan de Saúde cara o colectivo LGTBI que inclúa campañas específicas de prevención das ITXs, formación do persoal sanitario acerca da saúde do colectivo e impulsar campañas específicas en materia psicolóxica de cara a previr o maltrato e acoso cara a estas persoas.

Máis información en http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/default.aspx?dia=17/04/2013




22 marzo 2013

Xornadas federais de ALEAS-IU 2013

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Izquierda Unida (ALEAS-IU) convídavos a participar nas súas xornadas federais de debate e formación que este ano celebraranse os días 6 e 7 de abril en Santiago de Compostela (A Coruña), organizadas por ALEAS-Esquerda Unida.

Esta edición leva por título "Reimpulsando a loita LGTBI fronte á crise do Réxime" e pretende articular un espazo de encontro e diálogo entre a esquerda política e o movemento LGTBI co obxectivo de plantexar alternativas dende as maiorías sociais ante a crise do capitalismo. En dito marco investigadores/as, militantes e activistas abordarán durante a primeira fin de semana temáticas como: o movemento LGTBI galego, a teoría queer, o transfeminismo, os novos retos do movemento LGTBI ou o poliamor.

02 novembro 2012

AGE irrumpe no Parlamento Galego

Descontento e rebeldía, eses son os nomes propios das eleccións galegas do 2012. Arredor de 200.000 persoas deron o seu apoio ás forzas da esquerda rupturista e renovadora, así pois,  AGE estréase con nove parlamentarixs e a voz do colectivo LGTBI estará presente.


O Partido Popular repite maioria absoluta e goberno a pesar de sufrir unha importante perda de votos, todo isto debido á fatídica lei electoral galega e á caída  dos desacreditados partidos do bipartito, o BNG e o PSdG, que se negaron a participar no proxecto anticapitalista e causaron a fractura do voto de esquerdas do noso País, e dito isto, recuperamos a frase que dixo o ilustre Xosé Luís Méndez Ferrín no peche de campaña de AGE en Ourense, “contamos que pronto estean aquí ao noso carón, porque a estupidez humana non é infinita”.

A coalición formada por Esquerda Unida, Anova, Espazo Ecosocialista e Equo ten un compromiso fiel e formal co noso colectivo, os nosos escanos servirán para frear as políticas hetero-patriarcais do goberno conservador de Feijóo.  O movemento LGTBI galego ten que dar un forte e contundente golpe sobre a mesa por un futuro diferente e esperanzador,  e para iso compre unidade, a mesma unidade que fixo posible o soño de Alternativa Galega de Esquerda. Imoslle cortar as gadoupas á homófoba e machista Igrexa Católica, imos darlle nos fociños aos tiranos patróns, hai que pecharlle a porta á ignorancia e camiñar cara o pogreso e a fraternidade, comeza o cambio.

Queremos dar as grazas aos galegos e ás galegas que depositaron a súa confianza neste fermoso proxecto, pero isto ten que seguir avanzando, traballaremos día a día para rematar coa abstención e demostraremos que o único voto útil é o voto revolucionario, o voto REBELDE, e sen vós non é posible, xuntos podemos! A loita continua compañeirxs, NON PASARÁN!

08 xullo 2012

BornThisWay Blogspot

Non, non se trata dunha páxina de fans de Lady Gaga. Este blogue é unha das páxinas máis especiais que calquera membro do colectivo LGTBI se pode atopar: un blogue de experiencias persoais de persoas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, queer... Un conglomerado de historias persoais onde se demostra a natureza da homosexualidade.

O creador deste blogue chámase Paul V., e ao igual que os seus lectores, é unha persoa concienciada co colectivo. A idea que o impulsou a crear esta páxina foi a maior visibilización dxs homosexuais, a loita contra a homofobia e o apoio psicolóxico que aporta saber que non estás só no mundo e que hai moita xente que sabe o que se sinte ao ser diferente.

02 xullo 2012

ALEAS-EU na manifestación estatal do Orgullo LGTBI

Compañeirxs das distintas federacións portando a pancarta.
  
“Que non recorten a túa pluma! Os recortes tamén son LGTBIfobia” foi o lema co que ALEAS-IU saímos á rúa para denunciar o carácter ideolóxico dos recortes do Goberno en materia de igualdade, educación e sanidade.


27 xuño 2012

Manifesto de ALEAS-EU con motivo do Orgullo LGTBI 2012


Os Nosos dereitos non se recortan!


O 28 de xuño conmemoramos o Día do Orgullo LGTBI, un día de ledicia, rabia e memoria. Ledicia para celebrar as importantes conquistas que o movemento LGTBI alcanzou nos últimos anos, avanzando sen se rendires na súa firme loita pola igualdade e a diversidade. Rabia para espertar e rebelarnos ante unha realidade que nos sigue invisibilizando, discriminando e oprimindo, pero tamén para defender con unllas e dentes os dereitos que tanto esforzo nos custou acadar e que hoxe corren serio perigo. Por último, memoria para non esquecer o noso pasado, para recordar o compromiso militante de varias xeracións de activistas LGTBI que desde os suburbios de New York, desde as prazas de Buenos Aires ás ramblas de Barcelona, arriscaron as súas vidas por conquistar máis igualdade e máis liberdade en tempos non tan lonxanos.


26 xuño 2012

Asemblea Constituínte de ALEAS - EU

O pasado venres día 22 de xuño celebrouse na cidade de Compostela a primeira asemblea da Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), na que se aprobou o Regulamento Interno da área na Galiza, se elixiu e nomeou ao coordinador da área, ao secretario e ao responsable na primeira cidade activa, Compostela, e se fixaron as seguintes prioridades de traballo e proxectos da nova área:

  • Loitar polas liberdades e dereitos LGTBI, e sempre da man coas distintas asociacións comprometidas coa causa na Galiza.
  • Conseguir unha maior presenza da muller na loita do colectivo.

25 xuño 2012

Benvidxs ao blogue de ALEAS-EU


Estreamos un novo espazo na Rede que faga de fiestra entre ALEAS-EU e a cidadanía, o que nos vai a permitir informar da nosa actividade, das novas en cuestións LGTBI, así coma os nosos posicionamentos, manifestos, notas de prensa, etc. Non pretendemos con isto crear un espazo exclusivo para a xente de Esquerda Unida, todo o contrario, agardamos facer deste blogue un recurso de utilidade, polo que imos a contar con seccións que consideramos de interese xeral, deixando a porta aberta a todas as suxestións que neste senso nos fagades chegar.

É por iso que contaremos con apartados máis específicos que iremos construindo pouco a pouco. Un deles estará adicado a recomendar aqueles sitios web que consideramos poden ser de interese para a comunidade LGTBI. Tamén imos a habilitar unha sección dirixida á denuncia da homofobia persistente aínda nos nosos días. Queremos poñer a disposición da comunidade LGBTI as ferramentas e recursos cos que podemos contar para non deixar pasar por alto calquera mostra de desprezo homofóbico.