01 xullo 2014

Comunicado por mor da reincorporación á docencia de Domingo Neira na USC

ALEAS-EU non entende como a USC pode readmitir a Domingo Neira como docente e advirte que a batalla aínda non rematou


No día de hoxe, fíxose público que o profesor Domingo Neira García, o docente homófobo e misóxino de Maxisterio Infantil ao cal se lle abrira un expediente polas súas leccións de odio, reintégrase á docencia na USC, logo de cumprir unha sanción disciplinaria (suspensión da posibilidade de impartir clases e retirada de soldo, durante dous meses) como consecuencia das denuncias do alumnado contra esta persoa.

Non se pode permitir que a USC reincorpore a Domingo Neira na docencia, e máis aínda despois de que o mesmo órgano directivo da universidade emitise un comunicado o pasado día 28 de xuño – Día Internacional do Orgullo LGTBI – declarando e manifestando o seu compromiso coa comunidade LGTBI e que traballará a favor da igualdade entre persoas con independencia da súa orientación sexual.

Ao reincorporar ao profesor Neira, a Universidade de Santiago de Compostela denota que as súas palabras están baleiras, que a única finalidade de dito comunicado é favorecer a súa imaxe. É dicir, que nos utilizan, que non pensan no seu alumnado nin cren na igualdade senón que defenden a unha persoa que incita ao odio, poñen de manifesto que non lles preocupa o alumnado, moito menos o que pertenza ao colectivo LGTBI.

O estudantado compostelán e a cidadanía en xeral non deben e non poden aturar que unha institución pública como a USC integre elementos  reaccionarios e retrógrados, que se forme aos mestres e mestras do futuro no odio e na discriminación, en mentiras máis propias do franquismo.

A impasibilidade desta universidade ante as diversas denuncias do alumnado, sentan precedentes para que a nosa resposta ante esta situación sexa aínda máis contundente. O estudantado e o colectivo LGTBI esixe a retirada de Domingo Neira da docencia, e esixímolo xa. Do contrario, xa advertimos de futuras accións e mobilizacións no próximo curso académico.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) sumámonos e volvemos a reiterar as queixas e esixencias de expulsión que no seu día demandara o alumnado de maxisterio da USC contra este profesor. FÓRA DOMINGO NEIRA DA USC! FÓRA A LGTBIFOBIA DA UNIVERSIDADE!