17 maio 2013

O 17 de maio tamén contra a LGTBIfobia!


A pesares dos numerosos e importantes avances conseguidos nos últimos anos, tanto no Estado Español como fóra del, seguimos necesitando reivindicar e facer un chamamento hoxe, 17 de Maio, Día Internacional contra a LGTBIfobia, ademais de Día das Letras Galegas, pola consecución da igualdade real e efectiva entre todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero. Dicimos que xa basta de persoas que sinalan e culpan a outras e a outros por vivir unha sexualidade diferente á súa de forma libre e plena, e dicimos basta aos recortes de dereitos e liberdades.

A aprobación do matrimonio igualitario supuxo un punto de inflexión histórico na loita do movemento LGTBI, con todo, debemos ser conscientes da necesidade de continuar loitando. Precisamente porque somos conscientes do esforzo que supón cada paso cara adiante, non permitiremos retroceder no conquistado nin deterémonos na consecución de todo o restante, que aínda é moito. Porque o conquistado, aínda que moi importante, non é suficiente.

O acoso escolar LGTBIfóbico, o mantemento da patoloxización da transexualidade a través da disforia de xénero, os constantes ataques LGTBIfóbicos de institucións retrógradas como a Igrexa católica, ou as trabas postas na adopción de nenos e nenas por parellas do mesmo sexo, son só algúns exemplos de a LGTBIfobia existente e, por tanto, do longo camiño que nos queda por percorrer. O contexto actual de crise de réxime e recorte de dereitos por parte dos gobernos nacional e central do Partido Popular non fan senón agudizar a xa complexa situación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, facendo aínda máis difícil a consecución da ansiada igualdade real e efectiva.

Así, desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), facemos un chamamento á reivindicación do 17 de Maio, non só como data nacional de reivindicación da nosa lingua e literatura, senón tamén como ferramenta de visibilidade das problemáticas que afectan ao colectivo LGTBI. Só a través da confluencia social e o traballo colectivo conseguiremos a igualdade real; e no marco desta tarefa faise necesario e imprescindíbel sumar forzas, porque xuntas somos máis fortes. Da mesma maneira, o noso traballo será incompleto si non nos enfrontamos ao mesmo tempo a outras desigualdades por razón de sexo ou raza. E, aínda que non a única, a educación debe ser o noso principal instrumento na erradicación da discriminación por motivos de orientación sexual e/ou identidade de xénero.

Por todo iso, desde ALEAS-EU reafirmamos neste día o noso compromiso activo e militante, non só na defensa da fala, senón tamén a favor da igualdade e o respecto da diversidade sexo-xenérica, e condenamos a discriminación e a violencia, física e verbal, que aínda sofren e á que se enfrontan día a día lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. A intolerancia non pode tolerarse e ante os ataques, responderemos colectivamente, cargados de razóns. 

O 17 de Maio, especialmente, dicimos non á LGTBIfobia, e dicímolo en galego! 

08 maio 2013

Orgullo é... educación pública!

ALEAS-EU respalda a convocatoria de folga xeral educativa do próximo 9 de maio: Orgullo é educación pública! 

A educación é unha ferramenta imprescindíbel para a inclusión e o respecto da diversidade afectivo-sexual e de xénero. Sen embargo, a realidade é que o “bullying” ou acoso transfóbico, lesbofóbico, bifóbico ou homofóbico segue estando presente en máis da metade dos casos de acoso escolar no Estado español, e o número de suicidios de mozas e mozos fóra da norma heterosexual/cisexual segue representando o triple dos casos da poboación nova en xeral. 

Esta non é, pois, unha cuestión de corrección política senón de perigo real para o alumnado. Pero, no Estado español, a educación na diversidade brillou sempre pola súa ausencia. A boa vontade de profesionais sensibles a esta realidade vense topando coa inexistencia de espacios curriculares axeitados para abordar esta problemática nas aulas e a belixerante oposición a unha educación non discriminatoria por parte da dereita e a xerarquía católica alí onde teñen un mínimo de poder. Esta preocupante situación non conseguiu resolverse coa aparición fugaz dunha 'Educación para a Cidadanía' carente de medios para a formación do profesorado, e que volveu deixar en mans da correlación de forzas en cada centro educativo algo tan básico como é o respecto aos dereitos do alumnado e das súas familias.


Sen embargo, o goberno do PSOE seguiu asegurando anualmente o desvío de millóns de euros públicos á impartición da asignatura de relixión e miles de millóns a subvencionar centros de enseñanza confesionais, ámbitos ambos atravesados polas fobias discriminatorias que impulsa a xerarquía católica. Estos son os antecedentes que nos levan á situación que hoxe experimenta a educación.

Actualmente, e tras casi dous anos de incremento das privatizacións e dos duros recortes na educación, cun profesorado asfixiado pola merma de recursos e o incremento de horas lectivas, é xa imposíbel suplir cunha boa vontade a atención á diversidade en calquera das súas formas. A posición do alumnado ou das familias fóra da heteronormatividade debilítase por momentos, e as posibilidades de que o conxunto do alumnado reciba unha educación na diversidade integral e transversal desaparecen. A violencia machista e o acoso de raíz heteropatriarcal no ámbito educativo medran alarmantemente e sen contención posíbel. E cando os desenlaces son fatais, os responsábeis políticos da dereita limítanse a preguntarse “como puido acontecer”, e a recetar man dura como única solución, pechando así un círculo que só conduce a máis autoritarismo e a máis violencia. Porque tamén na educación, non son axustes, senón roubos e mutilacións.

Nesta situación, o goberno do PP pretende afondar aínda máis na mercantilización do ensino, que xa permitía o PSOE, coa aprobación da lei Wert, a llamada LOMCE: un instrumento pensado de principio a fin para producir man de obra dócil e barata e para segregar ao alumnado por clase social, pero incluso por sexo; para blindar as subvencións públicas a centros de ensino segregado, abrindo máis vías á privatización, convertindo os consellos escolares en meros órganos consultivos, recentralizando as decisións sobre a educación a nivel estatal e convirtindo a religión nunha asignatura evaluábel con incidencia nos promedios de calificación. Unha norma, en definitiva, para expulsar da escola todo valor e principio que non sexa o da caverna católica ou ultraliberal.

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), como todas aquelas persoas que se sitúan fronte ao heteropatriarcado, sabemos que o noso sitio está xunto a quen se opón á invasión ultraliberal da educación, porque só unha educación para as persoas e non para o lucro privado abrirá espacios para a liberdade, a diversidade e a igualdade de dereitos.

Por iso, neste momento, con toda a comunidade educativa, ALEAS-EU está en pé coas mareas verdes, cos sindicatos do profesorado, coas organizacións estudiantís e coas asociacións de nais e pais, con quen di basta, con quen valeirará as aulas e encherá as rúas este xoves, 9 de maio.

Porque queremos ensinar e aprender a amar e a disfrutar, non a escondernos nin a ser man de obra escrava. Por unha escola pública, laica, incluínte e de calidade, de tod@s e para tod@s.

26 abril 2013

26 de abril - Día da visibilidade lésbica

A Área de mulleres e a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS) de Esquerda Unida queren neste 26 de abril, Día da Visibilidade Lésbica, denunciar a discriminación en todos os aspectos a este colectivo.

 Dende Esquerda Unida reivindicamos, este 26 de Abril, Día da Visibilidade Lésbica, a liberdade das mulleres, a defensa dos seus dereitos sexuais, e a máis que nunca necesaria loita contra o heteropatriarcado fronte aos continuos ataques contra as mulleres en xeral e o colectivo LGTBI en particular.

O día a día das mulleres lesbianas aínda é, se cabe, máis difícil que o da maioría das mulleres.   Vítimas dunha dobre discriminación: por ser mulleres e pola súa condición sexual que non entra dentro da heteronormatividade que rexe as institucións e a política.

A discriminación xa implícita nesta sociedade patriarcal sumada os recortes e as reformas que aumentan a precariedade laboral, que inciden en especial nas mulleres, fai que esteamos a experimentar un “retorno ao armario”, unha ocultación do modo de vida das mulleres lesbianas por medo a sufrir represalias ou dificultar o seu acceso ao mundo laboral.

As mulleres lesbianas teñen que soportar os ataques continuos dende as institucións presionadas pola xerarquía eclesiástica. A vulneración dos dereitos das mulleres e do colectivo LGTBI está a ser o selo ideolóxico do Partido Popular.  Por un lado, a modificación da lei do aborto que impón a maternidade ao mesmo tempo que o Goberno suprime toda axuda dos servizos sociais, a lei de dependencia, e as prazas nas garderías. Polo outro, as mulleres lesbianas que se queren ser nais atópanse con trabas nos tratamentos de reprodución asistida e discriminacións nos rexistros do civil para rexistrar as súas crianzas a nome de dúas mulleres. Esquecéndose dende as institucións que o matrimonio ten sempre os mesmos dereitos, con independencia de que sexa homosexual ou heterosexual. Dende ALEAS Esquerda Unida e a Área de Mulleres reivindicamos, unha vez máis, a necesidade dun Estado realmente laico libre de imposicións relixiosas.

A visibilidade lésbica nas escolas e institutos é unha materia pendente e tabú. O acoso homofóbico ao colectivo LGTBI e a marxinación que padecen está á orde do día baixo o amparo do Goberno que non fai nada para atallalo, ao contrario, demostra en moitos casos unha grave falta de sensibilidade. Baixo políticas ideolóxicas retrógadas, heteropatriarcais e eclesiásticas eliminase aínda máis a xa limitada visibilidade LGTBI, suprimindo, por exemplo, a materia “Educación para a cidadanía”.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual e a Área de Mulleres de EU Compostela defendemos que a condición sexual de cada persoa non é asunto nin do Estado, nin da Igrexa, nin de ninguén máis que a mesma persoa en cuestión. Felicitamos neste día a todas as mulleres que non agochan a súa orientación sexual, se non que a viven con orgullo e liberdade loitando pola normalización do colectivo LGTBI na sociedade.

Porque por máis que o intenten non poderán relegarnos de novo ao fogar, a boca pechada, controlando as nosas vidas ou os nosos corpos, nin evitar que sigamos loitando. A loita contra a LGTBIfobia e polos dereitos das mulleres é unha loita de todas e todos pola construción dunha sociedade diversa e igualitaria.

19 abril 2013

ALEAS-EU fronte á homofobia do PP

ALEAS Esquerda Unida denuncia a homofobia do Partido Popular que ven de rexeitar en Comisión de Sanidade no Parlamento Galego a PNL de AGE sobre a creación de  Plans de Saúde específicos para a comunidade LGTBI. 


Os argumentos dados polo Grupo Parlamentar Popular para votar en contra da PNL pasan por entender que "a sexualidade forma parte da intimidade de cada persoa" e que "non queren facer guetos na sanidade".

Negar a existencia de necesidades que requiren un plantexamento específico e rexeitar a posibilidade de formar ao persoal sanitario, provoca inequivocamente o que eles din que pretenden evitar: provoca a ausencia de protocolos preventivos con respecto á saúde e deriva en aspectos mal tratados (tanto física como psicoloxicamente) por ausencia de coñecemento e formación por parte dos profesionais. Igualmente nega a posibilidade de lanzar campañas públicas de información e prevención específicas.

A OMS (Organización Mundial da Saúde) con datos dispoñibles de dezasete Comunidades Autónomas españolas, alerta que no último ano de referencia (2011) rexistráronse 2763 novos diagnósticos de infeccións por VIH dos cales un 53,6% se corresponden con infeccións en HSH (Homes que teñen Sexo con Homes). Este dato mostra que nun periodo de tan só catro anos a taxa de novos diagnósticos vese incrementada nun 20%. Nesta liña, GESIDA(Grupo de Estudio de SIDA) alerta de que as medidas de restrición no acceso da poboación inmigrante ilegalizada en materia de saúde sexual poden incrementar entre un 10% e un 20% as infeccións por VIH en España e que neste primeiro ano poderán producirse entre 20 e 50 mortes derivadas desta carencia.

Outras ITXs (Infeccións de Transmisión Xenital) sofren tamén incrementos nas taxas de incidencia. Tres de cada catro diagnósticos de Sífile e un de cada dous diagnósticos de Gonococia corresponden a HSH en España (dato do Sistema EDO de vixilancia epidemiolóxica para ITXs).

As medidas discriminatorias e de recortes do Goberno central en materia de saúde pública son culpables directas desta situación e o Goberno de Galicia, como responsable en materia de saúde, é o xestor e cómplice da ausencia de plans específicos de saúde sexual para as persoas LGTBI.

Dado que a Lei establece igualdade entre tódalas persoas sen prexuízo de sexo, identidade ou orientación sexual tanto en Galicia como no conxunto do Estado español, as necesidades LGTBI en materia de prevención e saúde sexual deben ser correctamente tratadas e expostas a través de plans específicos e non excluíntes: prevención de ITXs, controis epidemiolóxicos, revisións médicas, necesidades psicolóxicas e igualdade de trato en campañas informativas e preventivas, que se complementarán coa elaboración e difusión doutras específicas. Ao persoal sanitario deberá dárselle ademais formación adecuada.

A negación por parte do Grupo Parlamentario popular e o Goberno de Galicia de conformar estas materias específicas en función de saúde sexual supón unha neglixencia institucional que atenta contra as persoas LGTBI e o conxunto da poboación.

Afirmar que "a sexualidade pertence ao ámbito da intimidade" é unha actitude hipócrita por parte dun goberno que pretende limitar o dereito ao aborto, que se nega a lexislar en materia de transexualidade e que deixa ao colectivo inmigrante ilegalizado sen atención sanitaria básica.

Dende ALEAS Esquerda Unida instamos polo tanto, de novo, ao Grupo Parlamentario Popular e ao Goberno de Galicia a tomar cartas en materia de prevención, formación e atención con Plans de Saúde Sexual LGTBI, a reclamar ao Goberno central o restablecemento da sanidade pública universal, a que se posicionen favorablemente en relación ao Pacto Social pola non discriminación asociada ao VIH-SIDA, a lexislar políticas específicas para persoas transexuais e a restituír orzamentos para un plan específico para a comunidade LGTBI.
 

18 abril 2013

O PP rexeita crear un Pan de saúde LGTBI

O PP ven de amosar unha actitude homófoba ao rexeitar a creación dun Plan de saúde específico para a comunidade de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais. 

Alternativa Galega de Esquerda presentou unha iniciativa en comisión parlamentaria para a creación dun Plan de saúde específico para a comunidade LGTBI (lesbianas, gais, transexuais e bisexuais) no que garanta a igualdade de todas as persoas sen prexuízo de sexo, identidade e orientación sexual tanto en Galicia coma no conxunto de España, iniciativa que foi rexeitada polo PP amosando unha vez máis a súa actitude homófoba e a súa falla de sensibilidade co colectivo.

A deputada Eva Solla calificou de deplorables as declaracións do PP nas que xustificaban a súa votación en contra porque “a sexualidade forma parte da intimidade de cada persoa” e afirmando que “non queren facer güetos na sanidade”.

A deputada de AGE insistiu na necesidade de ofrecer formación aos profesionais sanitarios específica acerca da saúde deste colectivo, para evitar posibles situacións de discriminación por descoñecemento sobre qué facer, e non tanto por actitudes homofóbicas por parte dos profesionais.

As persoas homosexuais, bisexuais e transexuais teñen unhas necesidades en materia de prevención e promoción da saúde diferentes nalgúns aspectos ás que poden precisar as persoas heterosexuais. Coma pode ser o caso da prevención das ITXs (infeccións de transmisión xenital), o seu control epidemiolóxico, revisións médicas (xinecolóxicas, urolóxicas…) ou necesidades psicolóxicas.

Na actualidade gran parte desta atención non se está a prestar axeitadamente por falla de adaptación das campañas xerais de saúde dende unha perspectiva LGTBI e por falla de formación axeitada nos propios profesionais. Isto xera prexuízos tanto para estas persoas de maneira particular coma para o conxunto da sociedade, impedindo a igualdade real de dereitos.

Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda considera unha cuestión de xustiza que o goberno galego deseñe e poña en funcionamento un Plan de Saúde cara o colectivo LGTBI que inclúa campañas específicas de prevención das ITXs, formación do persoal sanitario acerca da saúde do colectivo e impulsar campañas específicas en materia psicolóxica de cara a previr o maltrato e acoso cara a estas persoas.

Máis información en http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/default.aspx?dia=17/04/2013