07 xuño 2013

Comunicado de repulsa ao asasinato de Clément Méric



ALEAS-IU condena o asasinato do militante de esquerdas e activista LGTBI Clément Méric

En menos dunha semana coñecimos a noticia de varios actos de LGTBIfobia no mundo. O primeiro sucedeu en Rusia, onde tres individuos secuestraron e torturaron a un activista LGTBI ruso, que máis que loitar por conquistar dereitos, loitaba por sobrevivir, xa que neste país está a aumentar de forma extrema e alarmante a represión contra o colectivo LGTBI nos últimos anos.

O segundo caso nunha semana coñecímolo a madrugada do 6 de xuño, cando Clément Méric, militante do Parti de Gauche e activista LGTBI, que comenzaba este curso os seus estudos universitarios en París, recibiu unha brutal paliza por parte de tres individuos “skinhead”, na que sufriu a morte cerebral ao impactar a súa cabeza contra un elemento metálico, segundo as testemuñas.


Estas agresións violentas son a proba irrefutábel de que a loita do movimento LGTBI non fixo máis que comezar. O importante recoñecemento de certos dereitos civís nalgúns países do mundo, como a recente legalización do matrimonio igualitario en Francia, non poden facernos olvidar que estas conquistas son só un punto de partida, e nunca a meta da nosa causa. A igualdade social, real e efectiva, do colectivo LGTBI queda aínda moi lexos e debemos seguir denunciando e combatindo con determinación a violencia LGTBIfóbica e a súa impunidade.

É impensábel que a estas alturas da historia da humanidade e da loita polo recoñecemento da nosa igualdade sigamos ter que convivir con estas traxedias fomentadas polo odio e por razóns ideolóxicas, máis propias do III Reich. Estes terríbeis sucesos deben ser tomados como un toque de atención para todas e todos as/os que loitamos pola xustiza social e defendemos a igualdade de todas as persoas, posto que a crise terminal do sistema capitalista e as medidas de austericidio neoliberal, que están a asfixiar aos pobos de Europa, tamén están axitando á vella pantasma do fascismo, un inimigo que nunca foi erradicado de todo e que, como vemos en Grecia, é unha ameaza real.

Desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), queremos condenar firmemente este asasinato LGTBIfóbico e mostrar o noso apoio máis cercano á familia e ás/aos amiga/-os do compañeiro Clément Méric, trasladándolle o noso máis sentido pésame nestas difíciles horas. Ao pobo francés, ao movemento LGTBI de Francia e ás/aos nosas/-os compañeiras e compañeiros da esquerda francesa, queremos trasladarlle a nosa solidariedade internacionalista e esta mensaxe clara: a mellor forma de honrar a memoria de Clément é continuar a súa loita.

Non esquecemos, non perdoamos. Ningunha agresión sen resposta! Fascismo nunca máis! Non pasarán!


05 xuño 2013

Declaración de ALEAS-EU por un Orgullo LGTBI nacional e reivindicativo



ALEAS-EU FAI UN CHAMAMENTO PARA A REALIZACIÓN DUNHA MANIFESTACIÓN DO ORGULLO NACIONAL  

A Sociedade está a sofrer un ataque sistemático por parte dos mercados, a Troika e as medidas neoliberias do bipartidismo. A privatización da sanidade, a aprobación da LOMCE, a reforma da lei do aborto, a amnistía fiscal ou a reforma laboral son só algúns dos exemplos disto. Todas estas medidas afectan a toda a Sociedade, pero son especialmente duras para certos sectores da poboación, como as mulleres ou as e os inmigrantes.  

Estas medidas tamén son un ataque directo ao colectivo LGTBI. O actual partido dos gobernos autonómico e central, o Partido Popular, herdeiro das antigas élites do franquismo, nunca foi amigo de apoiar ás minorías sexuais nin a normalización da súa situación, como demostra o fallido recurso ante o Tribunal Supremo contra a Lei do matrimonio igualitario, as declaracións homófobas de membros do mesmo, como as do Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, ou o rexeitamento de crear un plan de saúde LGTBI na Galiza.  

E todo isto nun momento no que o texido organizativo LGTBI é moi feble. Tras a aprobación do matrimonio igualitario, a socialdemocracia deu a entender que todas as loitas do colectivo tocaran á súa fin, que xa non quedaba nada polo que loitar, desarticulándose en poucos anos unha grande parte do movemento LGTBI nacional e estatal.  

Sen embargo, vemos cada día que isto era falso, e que a nosa loita segue a ter un longo camiño por adiante. A homofobia institucional, os dereitos das persoas transexuais, o acoso LGTBIfóbico nas escolas e institutos, a visibilización LGTBI no rural, a loita contra o VIH, entre outras, son loitas fundamentais para acadar a normalización social do colectivo e a conquista de dereitos non recoñecidos.   

Neste contexto, dende a Área de Liberdade de Expresió Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), consideramos que a organización da resposta social é imprescindíbel, polo que o reimpulso da loita LGTBI organizada é unha prioridade.   

Neste senso, dende ALEAS-EU defendemos a celebración dunha manifestación nacional do Orgullo na Galiza, non só como una celebración, senón como a data de mobilización política e social máis importante no calendario LGTBI, adicada de forma esencial ás reivindicacións e protestas da comunidade LGTBI.  

ALEAS-EU rexeita a mercantilización que se ven facendo desta data na última década, unha mercantilización que leva á creación dun 'capitalismo rosa' que trae consigo o reforzamento dos estereotipos e clichés que existen sobre o colectivo. 
  
Así, dende a esquerda transformadora avogamos por un Orgullo que teña por protagonistas ás asociacións LGTBI, ás que corresponde a convocatoria, que compre sexa apoiada por forzas políticas, sindicais e sociais como o feminista ou o laicista, comprometidas coa causa, rexeitando a participación na convocatoria e financiación da mesma por parte de empresas privadas.  

Só coa loita e a organización seguiremos avanzando nas conquistas sociais e resistindo as envestidas do neoliberalismo, do catolicismo e da LGTBIfobia. Por un Orgullo nacional, combativo, anticapitalista, feminista e contra o heteropatriarcado!   


Máis info. en: 

aleas@esquerdaunida.org 

http://aleas-eu.blogspot.com.es 

04 xuño 2013

ALEAS-EU aposta por un Orgullo reivindicativo

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) ven de presentar unha declaración na que fai un chamamento a realizar unha manifestación unitaria do Orgullo LGTBI nacional. 

Tras pasar un ano da creación da área a nivel nacional, ALEAS-EU cre que as loitas do colectivo LGTBI non remataron e que os ataques que se están a recibir por parte dos gobernos autonómico e central, ambos do Partido Popular, deben ter unha resposta na rúa. 

Segundo Noel Dopazo, Co-coordinador nacional de ALEAS-EU, “tras a aprobación do matrimonio igualitario houbo un proceso de desactivación do texido asociativo LGTBI en todo o Estado, algo do que Galiza non quedou á marxe, posto que a socialdemocracia deu a entender que as loitas xa estaban rematadas”. Á rolda de prensa tamén acudiu a deputada por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, quen opina que “estes ataques non son residuais, senón que van a continuar, como podemos ver en eidos como o sanitario o una educación, polo que unha resposta unitaria de forzas de esquerda é moi necesaria”.

Así, ALEAS-EU cre que esta convocatoria unitaria debería estar convocada polas organizacións LGTBI, sendo o papel da área apoiar en todo o necesario e impulsar a movilización, tendo o papel protagonista as asociacións LGTBI galegas.  

Por último, sen censurar o carácter festivo do Orgullo, o que ALEAS-EU rexeita é a mercantilización e o uso partidista da convocatoria, como está a acontecer en cidades como A Coruña, sendo o modelo da área o correspondente a un Orgullo combativo, antipatriarcal, feminista, ecoloxista e anti-heteropatriarcal.

29 maio 2013

ALEAS-EU denuncia o perigo da aplicación de móbil "VIHda"

ALEAS-EU rexeita as aplicacións móbiles pseudocientíficas para detectar o VIH e esixe a súa inmediata retirada

Desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) mostramos o noso máis profundo rexeitamento e indignación fronte ao lanzamento da aplicación móbil “VIHda”, promovida recentemente pola Confederación COLEGAS. O noso rexeitamento non só se atopa motivado polo feito de que a nota de prensa emitida por devandita confederación para promocionar a aplicación asegure que esta “permite ao usuario medir as probabilidades de contaxio de VIH na súa última relación sexual”, cando é dabondo coñecido polas organizacións e comunidades científicas que levan anos traballando no campo do VIH que este non se contaxia senón que se infecta ou se transmite.
Un axente infeccioso-contaxioso é aquel que cumpre parte do seu ciclo vital fóra do corpo humano. É dicir, é capaz de sobrevivir no medio ambiente (aire, auga, alimentos contaminados, terra, etc) ou dentro dun animal que teña infección, durante periodos de tempo prolongados. O VIH non posúe tales características, ao contrario, pois trátase dun axente infeccioso-transmisíbel, dado que cumpre todo o seu ciclo vital dentro do corpo humano e que, por tanto, só pode transmitirse por contacto directo entre o corpo dunha persoa e o doutra a través dun intercambio de fluídos. O uso dese tipo de linguaxe contribúe a perpetuar aínda máis a discriminación cara ás persoas que vivimos co VIH. como así o sinalan estudos realizados e guías de estilo publicadas por CESIDA, ONUSIDA e outras entidades estatais e internacionais.

Doutra banda, por si isto fose pouco, COLEGAS refírese a “VIHda” como unha aplicación que “permite un diagnóstico eficaz e anónimo”. Este tipo de afirmacións xeran confusión na poboación que a miúdo carece de información veraz respecto da saúde sexual e descoñece que nada que non sexa unha proba específica pode ofrecer un diagnóstico eficaz para o VIH. Desde ALEAS-EU consideramos que esta aplicación resta máis que suma ao traballo que moitas outras entidades veñen desenvolvendo na resposta ao VIH/Sida desde fai 30 anos, pois pode inducir á xente a deixar de realizarse probas rápidas de VIH, dificultando así a moi necesaria detección precoz. Cremos pois que, de xeito evidente, esta aplicación non é útil para o fin que se publicita.
Pero o que nos parece máis deleznable é que desde o 'Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade' se eliminase o financiamento público de proxectos pioneiros únicos no estado español, referentes a nivel internacional, con resultados sobradamente demostrados e cunha traxectoria intachable, como son os casos do Servizo 900ROSA da Coordinadora LGTB de Catalunya e o Centro MediosySida da REDVIH, entre outros, en prol de subvencionar proxectos de dubidosa evidencia científica e de cuestionable eficiencia e eficacia. Desde ALEAS-EU só podemos entender este feito a través do claro trato de favor e a parcialidade por motivos políticos e ideolóxicos coa que se outorgaron as subvencións públicas do Plan Nacional da SIDA na convocatoria do ano 2012.
Por último, desde ALEAS-EU denunciamos, unha vez máis, os recortes que se están producindo contra a nosa sanidade pública. Estes non só provocan que se deixen de financiar iniciativas realmente útiles na prevención do VIH/Sida, como as anteriormente citadas, senón que tamén dificultan claramente o avance da investigación científica que nos permitiría desenvolver estratexias realmente novas e innovadoras, con evidencia científica que as apoie, que transmitisen información veraz e actualizada, que aplicasen metodoloxías realistas e eficaces, e que xerasen resultados obxectivos e positivos, características que “VIHda”, sen dúbida, non cumpre, polo que non podemos senón esixir a súa inmediata retirada.

Máis info:

26 maio 2013

Orgullo son... Servicios Sociais!

ALEAS-EU denuncia os recortes do Goberno do PP en política social: Orgullo son Servicios Sociais!

Fronte ao discurso tramposo lanzado desde o Goberno, que pretende negar os recortes en materia de servizos sociais, desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) denunciamos as políticas deste goberno, que poden supor a desaparición completa das axudas a sectores da sociedade en risco de exclusión social. A obsesión polo control do déficit, introducida con “agostidade” e aleivosía na reforma do artigo 135 da Constitución Española, non pode ser unha xustificación para obviar a situación de desamparo á que se aboca a amplos sectores da poboación que dependen destes servicios públicos para a súa subsistencia.

O exemplo do sector de atención á terceira idade, abandonado polos anteriores gobernos e agora en mans das empresas privadas, marca o modelo que o goberno do PP quere implantar no resto de servizos sociais, en conexión cos ataques á educación e á sanidade públicas. Un proceso privatizador que non só non mellora, senón que empeora os servizos e fainos inaccesíbeis para os sectores máis vulnerábeis da poboación. As persoas maiores da comunidade LGTBI, xa de seu invisibilizadas e estigmatizadas, non terán posibilidade de vivir plenamente a última etapa das súas vidas en residencias masificadas, sen apoios específicos e sen programas que contemplen as súas realidades específicas.
Outro tanto ocorre no sector da discapacidade, onde á negación das sexualidades das persoas discapacitadas, máis aínda se non son normativas, e á sobreprotección por parte dos familiares, únense os recortes que os distintos gobernos autonómicos están a realizar nas subvencións aos centros de atención, impedindo o desenvolvemento de plans específicos que permitan o pleno desenvolvemento persoal e a completa integración social das persoas con diversidade funcional. Todo iso conxúgase cunha “lei de dependencia” que naceu lastrada pola falta de orzamento, pero que recibiu a estocada final por parte dos gobernos autonómicos do PP a través da falta de pagamentos que fan que, moitas e moitos dos seus beneficiarios, morran sen recibir as esperadas prestacións.
Só as organizacións de apoio á comunidade LGTBI e aos sectores en risco de exclusión trataron de suplir a neglixencia dos gobernos pasados, mediante a cal o Estado desentendeuse das políticas públicas e deixándoas en mans, a mellor das veces, de entidades sen ánimo de lucro que tiveron que mendigar subvencións, cando non de empresas privadas que reduciron os servizos e aumentado os cobros. Con todo, estas organizacións atópanse hoxe afogadas polos recortes das subvencións públicas ou pola súa falta de pagamento sistemática, correndo o risco de desaparecer. A atención a estes colectivos non pode depender da benevolencia do goberno de quenda, senón que debe ser asegurada pola lei. Non se trata de esmolas, senón de dereitos.
Mais aínda, os concellos, instancias de goberno próximas á cidadanía, que coñecen as necesidades reais da poboación, van ser baleirados dos seus principais competencias polo proxecto de Lei de Reforma da Administración Local, que ademais de profundamente antidemocrática, seguirá recortando en servizos públicos para polos en mans das empresas privadas.
Desde ALEAS-EU unímonos ao clamor popular da marea laranxa para pedir uns servicios sociais públicos, próximos á cidadanía e de calidade, que contemplen a especificidade das e dos membros do colectivo LGTBI, identificando as súas necesidades e xerando os apoios necesarios para que todas e todos, independientemente da nosa orientación sexual ou identidade de xénero, podamos vivir unha vida plena e digna de ser vivida.

Máis info:
aleas@esquerdaunida.org