02 agosto 2013

Ante as declaracións do novo Papa

 

ALEAS-EU NON CRE AS PALABRAS DO PAPA FRANCISCO E DENUNCIA QUE SON SÓ UNHA ESTRATEXIA PUBLICITARIA


Nos últimos días está a haber unha gran polémica referida ás declaracións do Papa Francisco nas 'Xornadas Mundiais da Xuventude' en Río de Janeiro, onde aseguraba que “se un gai ten boa intención e busca a Deus, quen son eu para xulgalo?”.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) advertimos á poboación de que estas declaracións son fume, non hai nada novo nestas palabras. Cando o Papa Francisco fala de que “un gai se entregue a Deus” fala dos homosexuais e homes bisexuais que renuncian á súa vida sexual por ser pacaminosa e de lesbianas e mulleres bisexuais que se entregan a un home porque é o correcto.

En palabras do CoCoordinador de ALEAS-EU, Noel Dopazo Vázquez, “o que o Papa está a facer é unha campaña publicitaria, un lavado de cara para intentar frear a impopularidade na que estaba a caer a Igrexa Católica”. Para Noel Dopazo Vázquez “estas declaracións non significan nada, xa que e ningún momento se declara a favor do matrimonio igualitario, todo o contrario, di que a Igrexa “xa ten unha opinión sobre iso”. Non ten nada de novo o seu discurso”.

Dende ALEAS-EU animamos á Igrexa Católica a que se abra de verdade, a que dé o paso de deixar a LGTBIfobia e o patriarcado de lado. Para iso, o primeiro que debería facer a Igrexa e o seu novo Papa é expresar o seu total apoio ao matrimonio igualitario e ao movemento LGTBI e chamar á súa aprobación en todo o mundo e, logo, a maiores, o Papa e outros membros do 'lobbi católico' deberían pedir perdón por todo o dano causado durante séculos polo seu discurso de odio e opresor, así como pedir perdón por todos os asasinatos de persoas LGTBI realizados por fanáticos relixiosos e polos suicidios causados pola LGTBIfobia a nivel mundial.

Ata que chegue ese momento, só hai unha resposta aos ataques da Igrexa LGTBIfóbica e patriarcal: non necesitamos o voso perdón para ser libres.Orgullo é laicismo!