ALEAS-EU REXEITA A ELIMINACIÓN DA REPRODUCIÓN ASISTIDA A MULLERES SOLTEIRAS E LESBIANAS, SENDO UN CLARO ATAQUE DE CARÁCTER PATRIARCAL E LGTBIFÓBICO
ALEAS-EU PROMOVE UNHA PROPOSTA DENDE AGE PARA PARAR A INICIATIVA DA MINISTRA ANA MATO
Vivimos malos tempos para todas/os, non só pola crise-estafa que estamos a padecer e polos seus recortes e destrución do xa de per se escaso 'estado do benestar' do que podiamos desfrutar no estado español, senón porque, ademais disto, estamos a ver o retroceso inesperado e espeluznante dos dereitos e liberdades que xa considerabamos consolidados.
Estamos a ver como o Partido Popular está a aproveitar de forma completamente antidemocrática a súa ilexítima maioría absoluta no Congreso dos Deputados para levar a cabo todo tipo de reformas conservadoras e retrógadas para a sociedade, como ben pode ser a intención da modificación da Lei do Aborto do ministro Gallardón.
Entre outras moitas cousas, agora súmase que dende o Ministerio de Sanidade, a ministra Ana Mato pretende eliminar a reprodución asistida gratuíta a mulleres solteiras, lesbianas e mulleres bisexuais que escollan a unha muller para vivir a súa vida, salvagardando e impoñendo e outorgándolle así só ao modelo heteronormativo a posibilidade de realizar unha familia a través da medicina, implementando tamén as esixencias ás parellas heterosexuais para acceder á mesma.
Por outra banda, coa progresiva incorporación da muller ao traballo o momento da maternidade foise atrasando cada vez máis e, aínda por riba, as circunstancias de precariedade laboral actuais fan imposíbel plantexarse ser nai a unha idade temperá ma maioría dos casos. A limitación de idade aos 38 anos que o Ministerio de Sanidade propón, coarta a liberdade das mulleres a elixir cando ser nais e impón un modelo parcticamente imposíbel de acatar.
Dende ALEAS-EU rexeitamos esta política LGTBIfóbica e patriarcal que pretende impoñernos un modelo de vida que non estamos dispostas a asumir e denunciamos que o Partido Popular, con estas políticas, demostra que non só está ás ordes dos mercados e da Troika, senón que tamén está a acatar as asixencias que a Conferencia Episcopal lle dita, atacando de fronte ás mulleres en xeral e ás mulleres LGTBI en particular.
Ademais da nosa condena, ALEAS-EU apoia e aplaude a iniciativa da deputada por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Eva Solla, xa que vén de presentar unha PNL no Parlamento de Galicia onde se insta á Xunta non só a esixir o freo desta medida, senón tamén a ampliar os dereitos reprodutivos das mulleres galegas e a aumentar o persoal do Servizo de Saúde para mellorar a súa calidade. Será rexistrada tamén unha serie de preguntas para saber se a Consellería de Sanidade pensa asumir todos os supostos do Ministerio, entrando así en grave contradición co seu plan de 'Incentivación Demográfica', recentemente aprobado, o que probaría a súa submisión, ao igual que o goberno central, á Conferencia Episcopal.
Basta xa da obediencia á elite eclesiástica que pretende controlar os nosos corpos e vidas! Basta xa da LGTBIfobia dos gobernos do Partido Popular! Seremos quen de continuar coa loita ata que todos so nosos dereitos sexan recoñecidos!
"Calquera sistema que construades sen nós, será derrubado."
Leonard Cohen
Leonard Cohen