Unha vez máis, con motivo do 1 de decembro, dende ALEAS-EU expresamos o noso máis enérxico compromiso coa loita pola erradicación do VIH/Sida e polos dereitos e liberdades das persoas que vivimos co virus. Agora máis que nunca, nun momento no que a nosa democracia está secuestrada polos poderes económicos e financeiros, reivindicamos máis dereitos e liberdades e nos opoñemos a que a exclusión social sexa a norma da nosa sociedade.
Coa escusa dunha "crise", que nós riscamos de "estafa", asistimos a un retroceso de dereitos e liberdades inaceptable. Cos drásticos recortes en materia de política social, encontrámonos cunha cidadanía debilitada que volve definirse grazas ás exclusións de numerosos grupos sociais. A través de políticas como o copagamento, a externalización dos servizos sanitarios ou a retirada da tarxeta sanitaria a grupos de persoas emigrantes, os dereitos transfórmanse nos privilexios duns grupos sociais fronte á indefensión doutros. Evidentemente, é especialmente grave no caso das persoas emigrantes que viven co VIH, posto que iso pode levar consigo situacións nefastas na súa saúde, e mesmo a morte. Non obstante, vémonos no compromiso de transformar este escenario a través da recuperación da nosa democracia e na ampliación e o fortalecemento dos nosos dereitos e liberdades como garantías fronte ás situacións de exclusión, discriminación e desigualdade nas que nos estamos a ver inmersas.