29 novembro 2013

Os seus recortes, as nosas mortes | 1 de decembro - Día da loita contra o VIH/Sida

Unha vez máis, con motivo do 1 de decembro, dende ALEAS-EU expresamos o noso máis enérxico compromiso coa loita pola erradicación do VIH/Sida e polos dereitos e liberdades das persoas que vivimos co virus. Agora máis que nunca, nun momento no que a nosa democracia está secuestrada polos poderes económicos e financeiros, reivindicamos máis dereitos e liberdades e nos opoñemos a que a exclusión social sexa a norma da nosa sociedade.


Coa escusa dunha "crise", que nós riscamos de "estafa", asistimos a un retroceso de dereitos e liberdades inaceptable. Cos drásticos recortes en materia de política social, encontrámonos cunha cidadanía debilitada que volve definirse grazas ás exclusións de numerosos grupos sociais. A través de políticas como o copagamento, a externalización dos servizos sanitarios ou a retirada da tarxeta sanitaria a grupos de persoas emigrantes, os dereitos transfórmanse nos privilexios duns grupos sociais fronte á indefensión doutros. Evidentemente, é especialmente grave no caso das persoas emigrantes que viven co VIH, posto que iso pode levar consigo situacións nefastas na súa saúde, e mesmo a morte. Non obstante, vémonos no compromiso de transformar este escenario a través da recuperación da nosa democracia e na ampliación e o fortalecemento dos nosos dereitos e liberdades como garantías fronte ás situacións de exclusión, discriminación e desigualdade nas que nos estamos a ver inmersas.

Neste contexto de ofensiva neoliberal e conservadora, as elites económicas e os partidos do Réxime, PP e PSOE, sométennos a duras reformas laborais que empeoran a posición das capas traballadoras, debilitando os nosos dereitos fronte aos abusos da patronal e as discriminacións no contexto laboral. No caso das persoas que vivimos co VIH, todas as reformas emprendidas polos dous grandes partidos provocan unha maior vulnerabilidade ante os despedimentos cualificados eufemisticamente como "procedentes". Semellante inxustiza é a proba de que a nosa democracia se encontra nunha grave situación, impoñéndose os ditados das elites económicas sobre os nosos dereitos e liberdades.

Entre as medias ás que nos referimos, podemos sinalar especialmente os recortes da Xunta que provocaron o peche da maioría de oficinas dos "Comités AntiSIDA", un servicio moi importante de atención ás persoas con VIH e de prevención e información sobre o mesmo, provocando así unha grande precariedade na loita pola erradicación desta enfermidade.

Mentres PP e PSOE repiten o dogma da inviabilidade de alternativas e manteñen como unicamente "posible" a súa submisión aos grandes poderes económicos, dende ALEAS-EU sabemos que non ten por que ser así, e que existen posibilidades reais de construír outro escenario "dende abaixo" e de xeito democrático. Por iso, fronte ás medidas neoliberais e conservadoras, insistimos en revindicar unha maior educación sexual e feminista en todo o ámbito educativo, dende unha xestión pública, laica, de calidade e non excluínte.

Dende ALEAS-EU aplaudimos o importante papel que está a cumprir o movemento LGTBI en relación á loita contra o VIH/Sida, así como pola non discriminación e exclusión das persoas que viven co virus. Sentíndonos parte das devanditas loitas, compartindo problemáticas e realidades, reivindicamos a súa xenealoxía e seguimos trasladando as súas propostas ás institucións públicas. Así fixémolo, por exemplo, cunha Proposición non de Lei presentada no Congreso dos Deputados pola erradicación do VIH/Sida, ou coas diferentes interpretacións ao Goberno central para fiscalizar o seu incumprimento dos acordos internacionais nesta materia. Con todo, seguimos no compromiso de construír unha "vida que pague a pena ser vivida" para todas as persoas, sen exclusión nin discriminación de ningún tipo. Fronte ao abandono das persoas con VIH/Sida, firmeza, compromiso e decisión. Os seus recortes son as nosas mortes.