26 novembro 2013

ALEAS-EU denuncia a LGTBIfobia na USC

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida Compostela reafirmamos o noso compromiso na loita contra o heteropatriarcado e a LGTBIfobia que enferman e poñen en risco á nosa sociedade.


Este ano resultou ser moi duro, xa que foron varios os casos de ataques de carácter fascista-LGTBIfóbicos e foron varias as denuncias recibidas de comportamentos do mesmo estilo contra persoas do colectivo LGTBI. A todos estes debemos hoxe, por desgracia, sumar unha denuncia máis.

O pasado martes 19 de novembro na Facultade de Maxisterio, o profesor Domingo Neira García na materia de “Didáctica e profesión Docente” comezou un debate impensábel hoxe en día, posto que na súa exposición sobre unha temática proposta polo alumnado, a pederastia, chegou a identificar esta coa homosexualidade.

Ao longo da súa intervención na clase, que durou entre as 09:00h e as 10:30h desa mañá, o profesor Neira García fixo afirmacións do tipo que a “sociedade estaba enferma e engañada pola homosexualidade, un tema do que xa non se podía opinar”. Segundo o docente da USC, “os homosexuais carecían de hombría e non poden educar”, xa que “a homosexualidade era contaxiosa” e que por iso precisamente “tampouco se podía permitir a parellas do mesmo sexo adoptar, posto que lles pasarían o seu mal aos seus fillos”. Tamén asegurou que “as mulleres lesbianas teñen un Cromosoma XXX”, o que explicaría o seu comportamento non normal.

Ademais disto, Neira García asegurou ter probas científicas e estudos que demostraban o que el expoñía e non entendía que algunas persoas de entre o estudantado decidirán marcharse da aula, mentres que outros rebatían as súas absurdas afirmacións.

Non podemos obviar tamén que, como materia de estudo, o profesor obriga a usar básicamente unha publicación propia titulada “Didáctica para el Crecimiento Socio-personal”, onde ademais de comentarios de carácter homófobo como que incluir dentro de “desviacións condutuais a sodomía, o travestismo e as violacións”, unir a corrupción de menores coas “bodas gay” ou relacionar a zoofilia coa homosexualidade (todo isto na páxina 293 de dita publicación).

O estudantado denuncia estes feitos e sentirse farto desta situación, a mesma que lles obrigou a realizar unha recollida de sinaturas esixindo a toma de medidas por parte do Decanato da facultade, da Reitoría da USC e do Valedor do Estudante con respecto a este individuo.

Dende ALEAS-EU denunciamos esta situación, posto que non é a primeira vez que se realizan queixas ao respecto deste profesor na Facultade, sen que a día de hoxe se tomara algún tipo de medida ou sanción aos seus ataques e comentarios de odio. Ademais, denunciamos que a USC non teña un control serio das obras e temarios que o estudantado está a recibir nas clases, posto que a lectura deste libro nunca se debería ter dado na universidade pública.

Así, dende ALEAS-EU sumámonos ás esixencias do estudantado de maxisterio da USC e esiximos a expulsión de Domingo Neira García como docente da USC, posto que esta persoas non está capacitada nin debe seguir educando aos e ás Mestres do mañá.



COMUNICADO ÍNTEGRO DO ALUMNADO DE PRIMEIRO CURSO
DO GRAO EN EDUCACIÓN INFANTIL DA USC



Santiago de Compostela, a 24 de Novembro de 2013



O alumnado de primeiro curso do Grao en Educación Infantil 


EXPOÑEMOS:

A universidade é un espazo de aprendizaxe e de formación e, sobre todo, un lugar no que aprender a pensar de xeito autónomo e crítico. Por iso, tanto como estudantes da USC, como cidadás/-áns críticas/-os, responsables e respectuosos, hai comportamentos que consideramos que non poden ser admitidos dentro destas paredes e deben ser denunciados, con maior énfase, se cabe, ao tratarse da universidade pública, de todas e de todos.

As alumnas e os alumnos do 1º curso de Educación Infantil presentamos este escrito como acto de protesta ante os repetidos discursos e actitudes do profesor Domingo Neira García, así como polos contidos e forma de impartir a materia “Didáctica e Profesión Docente”.

O pasado martes día 19 de novembro, na aula 12 entre as 09:00h e as 10:30h, Domingo Neira fixo unha serie de comentarios que non podemos tolerar de ningún xeito. O profesor, tras preguntar ao alumnado se había algunha nova de actualidade que quixeramos comentar, e xurdindo entón o tema da “pederastia”, comezou a identificala coa homosexualidade, facendo afirmacións como “a homosexualidade é unha enfermidade, un problema conxénito”, “os homosexuais tenden ao abuso de menores”, “a homosexualidade é contaxiosa”, “os homosexuais non son homes nin poden educar”, “as mulleres lesbianas teñen un Cromosoma XXX”, entre outros comentarios de liña claramente homofóbica.

Dada a gravidade das súas declaracións, algunhas persoas decidiron erguerse e saír da aula, mentres que outras preferiron quedar e rebater as súas verbas, ao que o profesor garantiu ter “probas científicas” do que dicía e que a sociedade estaba “enferma e enganada” con esta cuestión. Aos presentes, sen ir máis lonxe, díxonos que estabamos embobados, cerrados, e que pensabamos así pola educación que nos deran.

Este último incidente foi o que nos incitou a levar a cabo esta protesta, máis lamentablemente non se trata dun feito illado. En varias ocasións ten tratado despectivamente outros temas e colectivos, como por exemplo o pobo xitano ou os inmigrantes, dando mostras dun claro racismo.

Por outra parte, e no tocante á materia que el debe impartir, temos que denunciar que Domingo Neira segue e recomenda unicamente os seus libros. O estudantado é obrigado a estudar e ser posteriormente avaliado polo libro “Didáctica para el Crecimiento Socio-personal”, onde os seus comentarios van dende os ataques á homosexualidade á misoxinia e a outros tipos de reflexións irracionais e despectivas e que nada teñen que ver cos contidos formais da materia aprobados e verificados pola propia universidade mediante resolución reitoral.

En canto aos contidos e exposición da materia temos que destacar que existe un descontento xeral dende o primeiro día de clase, pois consideramos que non estamos sacando ningún proveito. Esta é unha cuestión de enorme gravidade se temos en conta a importancia da didáctica no exercicio da profesión para a cal nos estamos formando.


SOLICITAMOS:

1. A suspensión da actividade docente do profesor Domingo Neira García debido ós seus comportamentos de natureza claramente misóxina, homófoba e racista, que incitan ao odio e á discriminación das minorías sociais.

2. O cambio de docente con efecto inmediato nesta materia ou, no seu defecto, a posibilidade de ser avaliados por outro equipo docente da facultade.

3. A revisión da materia impartida até o de agora e que reflexa as ideas contidas no ensaio citado anteriormente e utilizado inadecuadamente como manual da materia (véxase “Didáctica para el Crecimiento Socio-personal”).

4. A revisión da bibliografía e do material didáctico especificado no programa oficial da materia por posuír contidos claramente inapropiados para o exercicio da nosa profesión.

Confiamos en que tanto o Decanato da Facultade de Ciencias da Educación como a propia Reitoría da universidade, así coma o Valedor do Estudantado, atendan as nosas peticións con celeridade e dilixencia.