02 decembro 2013

ALEAS-EU esixe á Xunta que acate de inmediato a sentenza do Tribunal Supremo no caso de Charlotte Gaiar

O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa presentada pola deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Eva Solla, para que a Xunta e a Consellería de Sanidade non se retrasaran máis en financiar e comenzar o proceso da operación de Charlotte.


Xa son dúas as sentenzas que a Consellería de Sanidade de Galicia está a ignorar sobre a demanda de facerse cargo dos custos económicos da operación de Charlotte Gaiar, unha muller intersexual que sofre o síndrome de ‘Harry Benjamin’. A primeira sería a do ‘Tribunal Superior da Xustiza de Galicia’, en febreiro de 2012, onde xa se instaba á Xunta a actuar. A segunda sería en maio deste ano, onde o Tribunal Supremo ratificaba esta situación. 

Sen embargo, a Consellería de Sanidade lamentablemente ficaba allea e xorda ás esixencias da xustiza, sen ter en conta o sufrimento que estaban a causar nunha muller de 41 anos que leva medicándose dende os 16 anos e que sofre unha profunda depresión non só pola súa situación, senón tamén pola discriminación da sociedade de cara ao colectivo intersexual, polo descoñecemento da súa realidade.

Así, o pasado venres 29 de novembro foi aprobada no Parlamento de Galicia unha iniciativa presentada pola deputada de ‘Alternativa Galega de Esquerda’ (AGE), Eva Solla, na que se esixía que a Xunta comezara os trámites e financiara o proceso para que Charlotte puidera operarse de forma inmediata.

Deste xeito, a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) denuncia a neglixencia da Consellería de Sanidade polo trato dado a esta muller e denunciamos a discriminación que dende a Xunta de Galicia sufrimos o colectivo LGTBI en xeral, posto que este só é un exemplo máis dos que vimos denunciando e que demostra a importancia que o goberno do Partido Popular lle dá ao noso colectivo.

Así, dende ALEAS-Eu esiximos que a Xunta de Galicia e, específicamente a Consellería de Sanidade, se poñan en marcha inmediatamente para que Charlotte poda operarse canto antes, cumprindo todas as súas esixencias.