ALEAS-EU presentará unha serie de enmendas a través da deputada de AGE, Eva Solla, para dotalo de contido
A Xunta vén de publicar un plan destinado á mocidade de
Galicia, o “Plan Estratéxico de Xuventude” para os anos 2014-2016, que ten como
obxectivo a participación da xuventude e a organización de actos sociais e
actividades formativas e lúdicas para este sector da poboación, así como
investigacións e estudos sobre diferentes eidos do mesmo.
Este Plan do goberno da Xunta é o que determina as actividades, campañas e demais accións institucionais de cara á mocidade do país e, aínda que abarca diversas temáticas de índole laboral, ambiental, sexual ou incluso o fomento da investigación por parte das mozas e mozos do país, vemos unha grave carencia de contidos LGTBI no mesmo.
Este plan, contradicíndose a si mesmo, por unha parte clama
pola participación de tódola xuventude galega, pero non dirixe ningunha das
súas medidas cara ao colectivo LGTBI, formando este parte da poboación. Así, o
goberno do Partido Popular, continúa a súa liña política de illamento e
marxinación a gais, lesbianas, transexuais, intersexuais e bisexuais, sumándose
así ás súas enmendas á futura Lei de Visibilidade e Non Discriminación LGTB, a
cal corre o perigo de quedar baleira de contidos.
Nun intento de mellorar o Plan de Xunventude 2014-2016 da
Xunta de Galicia, dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de
Esquerda Unida (ALEAS-EU) realizamos unha serie de enmendas a dito plan, como
ben pode ser a proposta dun plan de educación sexual dirixido aos centros
de ensino medio, unha campaña de sensibilización sobre o VIH ou contra o acoso
LGTBIfóbico, entre outras.
Dende ALEAS-EU, desta maneira, denunciamos estes feitos e
esiximos á Xunta de Galicia que valore estas achegas e que de aquí en adiante,
teña en conta e poña en valor ao colectivo LGTBI, xa que estamos presentes na
pobación e somos persoas de pleno dereito coma o resto. Somos pobo e as
institucións non deben deixarnos de lado.