
Os próximos Xogos Olímpicos de Inverno, que terán lugar entre os días 7 e 23 de febreiro na cidade de Sochi, Rusia, ameazan con convertirse nun fito histórico na vulneración dos Dereitos Humanos.
A
popularmente chamada lei “anti gai”, que castiga con multas e incluso con penas
de cárcere a quen manifeste publicamente a súa homosexualidade ou
bisexualidade, así como a expresión da súa identidade transexual, pode
convertir esta data deportiva nun claro exemplo de intolerancia e
discriminación. Sochi 2014 entraría así na honorábel lista de datas escuras do
deporte, situándose ao nivel dos Xogos Olímpicos de Berlín en 1936, organizados
polo Goberno do Partido Nazi baixo unha vergoñenta e criminal propaganda
racista.
Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual
(ALEAS) de Esquerda Unida denunciamos manifestamente este tipo de estratexias
como unha forma máis de lexitimar a criminalización das persoas LGTBI aos ollos
das clases populares, ao mesmo tempo que este tipo de políticas dirixidas á
discriminación e ao odio dun amplo espectro da sociedade garda relación co
control social da sexualidade, control que sufren principalmente as devanditas
clases populares nun contexto capitalista coma o ruso.
Por outra parte, tampouco os gobernos que se autoproclaman
defensores dos Dereitos Humanos, como
Estados Unidos ou a propia Unión Europea, adquiren unha actitude seria e firme
neste asunto. Nin uns nin outros teñen como unha verdadeira prioridade na súa
axenda o desenvolvemento dos Dereitos Humanos de maneira efectiva no seu propio
territorio. A pena de morte institucionalizada nalgúns estados dos EE.UU, a
situación de exclusión social e pobreza que sufren as persoas LGTBI no
capitalismo nortamericano, ou o emprego de métodos inhumanos coma as coitelas e
os muros nas fronteiras da UE para controlar os fluxos migratorios, son só
algúns exemplos disto.
Dende ALEAS-EU non podemos senón condenar rotundamente as
declaracións do Presidente Putin e facer unha chamada ao boicot e ao
rexeitamento internacional hacia uns xogos que serán unha vergoñenta expresión
da exclusión e a represión LGTBIfóbicas. É tremendamente preocupante que o
colectivo LGTBI ruso estea sufrindo directamente o ataque dun goberno que
debería respetar e protexer os seus dereitos. A lexislación “anti-gai”, vixente
dende xuño de 2013, non só supón a imposición do silencio e a invisibilidade
pública ás persoas LGTBI polo feito de selo, senón que fomenta a creación dun
clima social contrario a todo aquel, a toda aquela, que non se axuste á norma
heterosexual vixente.
Porque non aceptamos a imposición da súa moral pechada,
retrógrada, intolerante; porque tódalas persoas, independentemente da súa orientación
sexual e identidade de xénero, teñen dereito a vivir a súa sexualidade
libremente e a súa expresión de xénero sen coaccións; porque non aceptamos
pasos atrás na igualdade; porque os colectivos rusos polas liberdades sexuais
non están sós; porque o deporte debe ser a ferramenta da unión e a
transformación social, dende ALEAS-EU dicimos, berramos, NON aos “Xogos da
Vergoña”.