03 abril 2014

Por unha Lei de Visibilidade LGTBI real

ALEAS-EU non apoia a “PL de Igualdade de Trato e Non Discriminación de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais en Galicia” por considerala unha fraude, e criticamos o roubo que PP, PSdG e BNG están próximos a aprobar.


Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) queremos informar por que non apoiamos a “Proposición de Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais en Galicia” que está próxima a ser aprobada no Parlamento Galego.
                               
Aínda hoxe en día, e pese aos importantes pasos que se están a dar, o colectivo LGTBI non acadou a súa normalización na sociedade. Tal e como observamos cada día, as persoas do mesmo sexo que manifestan actos afectivos en público ou o feito de que unha muller ou un home fale  abertamente da súa orientación sexual pode conlevar a consecuencias.    

Na sociedade galega, ao igual ca na do resto do Estado, existe unha clara discriminación no ámbito estudantil, como no profesional ou como no social en xeral, na que tanto a mocidade como as persoas adultas LGTBI son vítimas de acoso mediante burlas, ameazas, represión, marxinación, bullying ou incluso palizas pola súa condición sexual.

O PSdG presentou no Parlamento de Galicia o ano pasado unha Proposta de “Lei de Visibilidade e Non Discriminación LGTB”, a cal contou coas enmendas desta área e do resto da oposición, as cales buscaban completar as carencias iniciais da Proposta, mais o Partido Popular, debido á sua maioría absoluta, exerceu o rodillo coas súas enmendas sobre as do resto e sobre o escrito inicial, baleirándoo de contido.

Así, a proposta final e que semella vai ser aprobada, limítase a ser unha declaración de intencións, cambiando todo compromiso por consellos e recomendacións, non inclúe ao colectivo intersexual, non elimina a patoloxización da transexualidade, ..., pero si elimina a partida de Memoria Histórica para as persoas LGTBI represaliadas na ditadura fascista, por exemplo. Ademais, o máis problemático desta futura Lei, é que non conta cun título de sancións, ou sexa, tamén elimina o apartado onde se regulaban as sancións e penas contra o acoso LGTBIfóbico, agresións, etc, creando un baleiro legal que antes tampouco existía e deixando ao colectivo LGTBI completamente desprotexido, unha vez máis.

Feijóo e o PP, coa finalidade de simular ser unha rama moderada e alonxada das políticas reaccionarias e ultraconservadoras do resto da súa formación, quere aprobar esta lei, intentando crear así unha imaxe de progresismo que se alonxa moito da realidade. O PP segue a ter unha mentalidade retrógada, machista, LGTBIfóbica e católica, nunca estarán do lado do colectivo LGTBI, nunca defenderon e nunca defenderán os nosos dereitos realmente, só buscan enganarnos e minimizar e mercantilizar a nosa causa.

Foi por todo isto que ALEAS-EU, xunto a outros colectivos como a Asociación Nós Mesmas, impulsamos o manifesto “Lei de (in)Visibilidade LGTBI”, de libre adhesión como entidade e persoa individual, onde denunciamos este roubo, quedando en evidencia que o tecido activista LGTBI galego e a sociedade non se vai dexar enganar e que queremos avances reais, non medias tintas.

Dende ALEAS-EU non imos permitir que os conservadores estafen a toda a poboación galega e por iso manifestamos que non apoiamos esta Proposta de Lei. Así, dende ALEAS-EU tamén criticamos a actitude do PSdG, o cal, nun principio, vai votar a favor desta Proposta final que nada ten que ver ca do pricipio, da mesma forma que o ten pensado facer o BNG, deixando en evidencia unha vez máis o que, ao fin e ao cabo, lles interesa a estas tres formacións: a “publicidade rosa”.

Ante esta estafa, só podemos exixir para o colectivo LGTBI unha cousa: respecto e dignidade. Só o Partido Popular podería invisibilizar cunha Lei de Visibilidade.