ALEAS-EU denuncia a agresión homófoba sufrida por un compañeiro e a súa parella en Ponteareas. Dende ALEAS-EU facemos un chamamento ao colectivo LGTBI galego a non deixarse amendrentar e a seguir vivindo as súas vidas abertamente e sen medo.
Cando dende o colectivo LGTBI berramos que loitamos pola igualdade real, polas nosas vidas e os nosos dereitos, cando berramos contra inxustizas como a “Lei de Familia” da Xunta de Galicia ou a futura “Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación de Lesbianas, Gays, Transexuais e Bisexuais en Galicia”, esa fraude, é porque as persoas LGTBI sabemos o contexto no que vivimos, sabemos ao que nos enfrontamos cada día, ao que estamos expostas.
Onte, un compañeiro de ALEAS-EU sufriu unha agresión homófoba nun bar de
Ponteareas mentres estaba a tomar algo co seu compañeiro. Non foi unha
liorta calquera nun bar polo estado de embiraguez das dúas partes, foi
unha agresión por ser “maricóns”, un ataque de odio contra dúas persoas
só por estar a vivir as súas vidas como calquera outra persoa con
dereitos.
A agresión non comezou dende a nada, primeiro esta parella tivo que aguantar os insultos homófobos e abafantes de dúas mulleres e dous homes e, cando estes responden, comeza o ataque, posto que o heteropatriarcado non tolera que vivamos abertamente a nosa sexualidade, menos que respondamos ante un ataque.
Pese a todo isto, o colectivo LGTBI e a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) queremos mandar unha mensaxe: non temos medo. Non imos agocharnos en armarios de por vida nin imos a silenciar o noso berro de dignidade ante nada, non poderán calarnos, nin poderán coa causa que defendemos: a creación dun mundo anticapitalista, feminista, antimilitarista, ecoloxista e con liberdades sexuais.
Dende ALEAS-EU queremos facer un chamamento nestes tempos difíciles a todo o colectivo. É por razóns como esta pola que debemos estar organizadas. Temos que defender as nosas vidas, organizar a resposta ao heteropatriarcado, loitar. Só podemos vencer.