O colectivo LGTBI, nós, nunca debemos olvidar a nosa
historia, o noso pasado, o noso legado. O colectivo LGTBI sempre terá que
loitar polos seus dereitos, para defender o acadado e para seguir avanzando,
como todos os colectivos. Nos tempos que corren, só podemos aspirar a unir as
loitas, algo completamente necesario para derrubar ao Réxime e ao
heteropatriarcado.
Chega o noso día, o día das lesbianas, gais, transexuais,
bisexuais, intersexuais e persoas queer. O 28 de xuño é o unha xornada
pola loita das nosas vidas,
visibilizámonos e berramos que non imos parar até acadar a igualdade, o que nos
pertence por dereito.
Así é como nestes días imos falar da antiga “Lei pola
visibilidade e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais
en Galicia”, agora modificada e reducida á súa mínima expresión, grazas ás
aportacións e enmendas do Partido Popular coa súa maioría absoluta. Vendéusenos
como éxito o que era unha campaña publicitaria.
Queren facer que baixemos a garda porque comezan a ternos medo, teñen
medo a que o activismo LGTBI se reactive, algo que pouco a pouco estamos a
conseguir, e por iso quérennos calar, facéndonos crer que estamos protexidas e
que hai un goberno que nos escoita, cando non é así.
Erraron, pois non se deron conta que esta falsa lei era a
gota que faltaba para encher o vaso. Queriamos unha Lei que defendera os
intereses e contara coas aportacións do colectivo LGTBI galego no que podería
ter sido unha Lei vangarda no Estado, e acabamos cun sucedáneo chamado “Lei
pola igualdade de trato (...)” da que só se abstivo AGE de votar a favor por
considerala baleira de contido.
Desta vez non só xogaron con nós facéndonos crer que todo o
que reluce é ouro, senón que nos usaron, como se fósemos obxectos, para
beneficio propio. Abandéiranse con esta lei pantasma, creando unha imaxe de
“progresismo” que se alonxa moito da realidade.
Por todo isto, dende a Área de Liberdade de Expresión
Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) erguémonos para dicir que estamos
fartas. Fartas de que se patoloxice a nosa identidade sexual, fartas de que por
ser muller LGTBI non teñamos dereito á maternidade, fartas da LGTBIfobia nos
institutos e, sobre todo, fartas de que sigan xogando con nós e non se tomen
medidas reais, de que non se escoiten as nosas reivindicacións, de seguir a
estar invisibilizadas e de que só interesemos para sacar unha foto para os
medios de comunicación e así facer propaganda barata.
Agora, máis que nunca, seguimos loitando por unhas políticas
que de verdade defendan os nosos dereitos e intereses, porque o noso Orgullo
non se vende.