Denunciamos a marxinación aos colectivos LGTBI por parte do Concello da Coruña e a súa persistencia no empeño de facer un Orgullo baleiro de contido e baseado en estereotipos caducos e excluíntes
O vindeiro sábado, 28 de xuño, terá lugar un ano máis o día
do Orgullo LGTBI (Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais), unha
xornada reivindicativa dos dereitos e liberdades do colectivo, na que non todas
as persoas poderán participar, pois recordemos que aínda hoxe en 77 países do
mundo ser homosexual se considera un crime. Por este motivo dende ALEAS-EU queremos recordar que son máis os retos de futuro que os logros
acadados nesta materia, e que aínda sendo esta unha reivindicación festiva non
se pode deixar de lado a protesta social.
Na Coruña houbo un tempo no que os colectivos LGTBI tiñan unha importante presenza e participación na vida da cidade. Aínda acordamos, e non hai tantos anos, a bandeira das seis cores percorrendo as rúas da cidade, da man de Maribolheras Precárias. Foi a partir da alienación co PPSOE que chegou a fin do movemento LGTBI na Coruña, converténdose o Orgullo reivindicativo nunha parodia absurda, baleira de contido e baseada en estereotipos caducos e estigmatizantes.
En lugar de aprender dos erros e rectificar, o Concello da
Coruña persiste no seu empeño de gastar os cartos en festexos de “non se sabe o
que”, dos que este ano se desvinculan totalmente os colectivos, os cales
denuncian non ser escoitados nin atendidos polo Concello. Dende ALEAS-EU rexeitamos de cheo a programación do Orgullo 2014 do Concello da
Coruña, apoiamos as demandas dos colectivos LGTBI da cidade e esiximos ao
Concello que escoite e atenda estas demandas, que en lugar de colgarse medallas
faga fronte ás continuas agresións e acoso
LGTBIfóbico, á discriminación por motivo de orientación sexual e
identidade de xénero, que aínda hoxe segue a ser unha constante, e contribúa á
sensibilización en materia de dereitos humanos LGTBI, eixo temático do Orgullo
LGTBI deste ano.
Asemade, queremos aproveitar para dar a nosa noraboa a
A.L.A.S. Coruña, pola súa iniciativa e esforzo de cara a recuperar o carácter
reivindicativo do Orgullo LGTBI na cidade, cunha serie de actividades para as
que chamamos á participación, en especial á concentración que terá lugar o
vindeiro sábado, 28 de xuño, ás 20:30 horas no Obelisco. Dende ALEAS-EU reivindicamos o papel fundamental dos colectivos, e a necesidade de
prestar un apoio solidario e desinteresado á súa labor, fuxindo de intromisións
partidistas e intereses escuros en sacar rédito da causa LGTBI, unha causa que
por outra banda tamén é a nosa.