10 xullo 2014

Comunicado xuntanza co Valedor do Pobo

ALEAS-EU,diferentes asociacións LGTBI e outras organizacións políticas reuníronse co Valedor do Pobo para pedirlle que siga o funcionamento da “LEI-ESTAFA DO PP” e así garantir que sexa operativa

ALEAS-EU considera positiva a xuntanza mantida co Valedor e faralle chegar propostas de cara á futura modificación da Lei

Como por todas e todos é ben sabido, o pasado abril aprobouse no Parlamento de Galiza a “Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación de Gays, Lesbianas, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia”, unha Lei que se presume pioneira no Estado, cando tanto a maioría do tecido LGTBI galego e esta área de traballo denunciamos que a Lei fora baleirada de contido polo Partido Popular, de aí o seu voto a favor á mesma.

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) e o grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), nun principio, decidimos non apoiar a Lei, dado a que a considerábamos unha oportunidade perdida, o que non quita que, agora que existe, intentemos sacarlle o máximo uso posíbel.

É por iso polo que acudimos esta mañá como área a unha xuntanza co Valedor do Pobo xunto ao tecido asociativo LGTBI, como 'Nós Mesmas', e outras organizacións políticas para falar das funcións do Valedor coa Lei e a transmitirlle as nosas queixas sobre o ambigua e pouco útil que pode chegar a ser.

Aproveitando a situación, ALEAS-EU envioulle un escrito onde lle pedimos que siga o nivel de cumprimento da Lei e como pensa o Valedor seguir o funcionamento e cumprimento da mesma; solicitámoslle a realización de estudos que analicen a situación do colectivo LGTBI en Galiza, en relacións aos aspectos definidos na Lei, para que así sirvan de referencia á hora de establecer prioridades no seu cumprimento, o cal é fundamental de cara a garantir unha mínima utilidade da Lei, posto que se non se coñece a realidade das persoas LGTBI no país o goberno non pode actuar; e por último, rogamos que se fagan operativas as funcións asignadas ao Valedor do Pobo na Lei, así como que se clarifique o seu papel nos casos de discirminación, ademais de que se aclare se esta información estará accesíbel para as vítimas ou se se manterá oculta e inservíbel.

Dende ALEAS-EU consideramos positiva a xuntanza mantida e abogaremos por unha comunicación fluida co Valedor, comezando por este escrito e continuando coa elevación de propostas para a redacción dun Informe para unha posíbel futura modificación da Lei, intentando así unha vez máis dotala de contido para que sirva realmente ao colectivo LGTBI.

ALEAS-EU e o resto do colectivo LGTBI galego estará alerta e vixiando o desenvolvemento desta Lei, así como denunciando o seu non uso. Non permitiremos que a dereita reaccionaria se burle do colectivo LGTBI e das nosas vidas.