No día de onte tivo lugar un encontro entre membros de ALEAS-EU, en representación de Alternativa Galega de Esquerda, e Nós Mesmas, asociación de Vigo pertencente á FELGTB e referente actual do asociacionismo LGTBI en Galicia. Nesta xuntanza, que tivo lugar na cidade olívica, puxéronse en común as liñas de acción en temas LGTBI e recolléronse as demandas do colectivo de cara á vindeira lexislatura.
Entre os temas que se abordaron destaca a necesidade dunha nova lei de familias, en plural, que sustitúa á lei actual promovida por Feijóo na que as familias homoparentais non teñen cabida, e se rexeita de cheo todo modelo de familia distinto ao modelo tradicional heteropatriarcal e misóxeno que promove o PP.
En consonancia co recoñecemento e o respecto á diversidade sexual, destacouse a necesidade de fomentar o asociacionismo LGTBI, en especial nos contornos xuvenís, así como a retirada de subvencións ás entidades manifestamente homófobas.
Tanto AGE como Nós Mesmas concordan na necesidade de atender á realidade da poboación LGTBI do rural galego, onde rapaces e rapazas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais e intersexuais, carecen de referentes e apoio de cara ao seu desenrolo persoal e sexual. Tamén foron coincidentes os posicionamentos no tocante ao modelo de Orgullo LGTBI, que require dun maior protagonismo do tecido asociativo, así como recuperar o seu caracter esencialmente reivindicativo.