Vivimos tempos escuros, e aínda queda o peor. Non hai nin
tres días, por fin soltaron a Alfon, un rapaz que, cando se dirixía a un
piquete na folga xeral do 14N, foi detido inxustamente xunto coa súa moza ao
pouco de saír da súa casa. Pasou, practicamente, dous meses preso baixo o
réxime FIES 5, un réxime penitenciario para persoas perigosas e con alto risco
de fuga, polo que permanecía practicamente incomunicado, illado e apartado
(todo isto sen antecedentes).
Logo, o luns 7, unha internauta (@almu_en_lucha) foi interrogada e acusada de incitar á violencia polas súas mensaxes na rede social Twitter. Resulta que estas mensaxes “violentas” son citas do filósofo italiano Antonio Gramsci, condenado polo réxime de Mussolini por actividade conspirativa.
É curiosa a forma que ten o réxime de oprimir á cidadanía
non aliñada. Estes son dous bos exemplos da política represora e de medo que se
está a levar a cabo no Estado Español. Os poderes institucionais, impregnados
de neoliberalismo e dominados polo capital, pretenden aplastar a mínima mostra
de disconformidade e de rebelión con medo e violencia, mais, nas rúas sempre
hai heroínas e heroes que non agochan a cabeza, que non deixan de berras:
BASTA!
Laura Bugalho é un moi bo exemplo disto. Activista do movemento
trans galego, feminista, independentista, 15M e defensora dos dereitos humanos,
ademais de adicarse profesionalmente a persoas migrantes que acuden ao
Departamento de Migración do sindicato CiG (Confederación Intersindical
Galego). O seu activismo en Liberdades Sexuais foi recoñecido no 2011 co premio
Nicolás Salmerón.
A todo isto, podemos sumarlle o importante papel que Laura
Bugalho tivo na denuncia dun entramado que desembocou no 2009 na ‘Operación
Peregrino’, na que Laura denunciou a implicación de membros de Estranxeiría da
comisaría de Compostela. Tras estas acusacións, Laura denunciou sufrir acoso
por parte da policía.
Agora, Laura Bugalho enfróntase a entre 3 e 6 anos de cadea
acusada por falsidade documental continuada de documentos públicos. Durante a
imputación de Bugalho, leváronse a cabo máis dunha irregularidade, como a
citación a quince persoas sen petición xudicial e a ameaza ás mesmas de quedar
sen papeis de non testificar. Ademais, foi retida durante 48 horas, durante as
que denunciou malos tratos e vexacións pola súa condición.
Non son poucos os colectivos, xunto coa mesma Laura, @s que
denuncian a persecución difamatoria e xudicial que está a sufrir. Dende
ALEAS-EU queremos unirnos a estes colectivos e pedir a desestimación xudicial
do caso, posto que Laura Bugalho non é unha delincuente, é unha heroína galega.
Así, tamén esiximos o cese do acoso por parte das forzas de represión do réxime
contra a activista e unha petición de desculpas pública.
“Non enterran cadavres; enterran semente” Antonio Rodríguez
Castelao.