08 marzo 2013

ALEAS-EU fronte ao 8 de marzo: Orgullo é feminismo!

Un ano máis, con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, é preciso visibilizar as desigualdades existentes entre mulleres e homes. Un século despois do incendio na fábrica de camisas "Triangle" de New York, o feminismo preséntase como imprescindible na consecución da igualdade real. Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS) de Esquerda Unida unímonos ás reivindicacións e ás convocatorias do movemento feminista, posto que a súa loita é tamén a nosa loita.


Os alarmantes recortes en materia de igualdade, levados a cabo polo actual goberno do PP baixo a mil veces repetida consigna da "crise obríganos", non só dificultan aínda máis os avances na eliminación das desigualdades, senón que mesmo complican a consolidación dos avances logrados ata o de agora. A importante diminución dos orzamentos adicados á prevención da violencia machista ou a inminente aprobación da reforma da Lei de saúde sexual e reprodutiva, son só un exemplo do brutal ataque aos dereitos das mulleres.

Por todo elo, é ineludible un posicionamento político dos movementos sociais e populares que nos permita frear, de forma coletiva, esta ofensiva machista e patriarcal. Dende ALEAS-EU defendemos a importancia da loita feminista no xurdimento e desenrolo do movemento de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, e considerámola, polo tanto, a nosa propia loita. Do mesmo xeito, recordamos que o patriarcado actúa de forma trasversal na sociedade, con consecuencias específicas para as mulleres e homes LGTBI.

Foron numerosas as conquistas no que se refire á equiparación dos dereitos de homes e mulleres e non o esquecemos, pero moito é tamén o camiño que aínda temos por percorrer. Ante os avances do capitalismo de libre mercado, machista e patriarcal, este 8 de marzo apostamos pola construción dun feminismo colectivo e de clase que combata este sistema que invisibiliza, discrimina e reprime ás mulleres e ao propio colectivo LGTBI.

O 8 de marzo é o 28 de xuño. O 28 de xuño é o 8 de marzo. A loita contra o patriarcado é a mesma. Fronte á crise-estafa do capital, organicemos a resposta feminista. Orgullo é feminismo!