20 decembro 2014

ALERTA: Grupos homófobos na cidade de Compostela!

ALEAS-EU COMPOSTELA ALERTA DA EXISTENCIA DE GRUPOS HOMÓFOBOS QUE BUSCAN SEMBRAR O MEDO NA CIDADE DE COMPOSTELA

ALEAS-EU COMPOSTELA CHAMA A MANTER A GARDA E A DENUNCIAR ESTES CASOS CANDO SE PRODUZAN


Cada día que pasa coñécense novos casos de LGTBIfobia no mundo, no Estado Español e no país. A denuncia é imprescindíbel non só para visibilizar a problemática, senón tamén para loitar contra ella. Precisamos dun movemento LGTBI forte e organziado para conseguir conquistar os nosos dereitos e para non permitir nin acoso, nin discriminación nin ningún tipo de violencia contra nós. Estes días, vimos de recibir unha denuncia nova de LGTBIfobia na cidade.
Neste caso en concreto, chéganos a través dun veciño (que quere manter o seu anonimato) o feito de que na madrugada do sábado 13 de decembro, na zona de cruising da cidade, un grupo de rapaces nun coche foi alí a proferir insultos contra as persoas que alí se atopaban, ademais de intentar amedrentalos.
Este suceso non sería algo illado, senón máis ben algo xa acontecido antes. Actitudes como estas son intolerábeis, non se pode permitir este tipo de actividades pola LGTBIfobia que levan implícita, sendo ataques premeditados que buscan ridiculizar e asustar ás persoas LGTBI contra as que se dirixen.
É por todo isto que dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida Compostela (ALEAS-EU Compostela) chamamos ao colectivo LGTBI en particular e á sociedade concienciada en xeral a estar alerta contra este tipo de actitudes. Entendemos que a única forma de erradicar estes comportamentos é a tavés da súa denuncia e da mobilización nas rúas, polo que confiamos en que, en caso de se repetiren estes sucesos, as persoas afectadas tomen nota dos seus datos (matrículas de coche, nomes, etc) para poder denuncialos e pararlles os pés.
Dende ALEAS-EU Compostela seguiremos estando alerta contra calquera tipo de acción LGTBIfóbica e fascista que se produza na comarca e non parará de pelexar ata eliminar este tipo de actitudes na sociedade!

Ademais, facilitámosvos un enlace a unha guía de CCOO sobre como practicar cruising con precaución e evitar grupos LGTBIfóbicos.

Só podemos vencer!