08 xaneiro 2015

O colectivo LGTBI di NON AO TTIP

Dende ALEAS-EU chamamos ao colectivo LGTBI a sumarse ao rexeitamento ao TTIP, o cal suporá unha gran perda de dereitos.


Os dereitos sociais e laborais do conxunto da poboación están en xogo, en especial os das persoas LGTBI. Este ano enfrontámonos a unha noticia cuxas consecuencias poden ser catastróficas, o 'Tratado Transatlántico sobre Comercio e Investimento', máis coñecido como TTIP, a nova bomba dos mercados e das políticas neoliberais contra a clase traballadora.


O TTIP supostamente pretende eliminar aranceis e trabas burocráticas para o comercio entre os EUA e a UE, cando en realidade ambas as dúas cousas son practicamente inexistentes, e así facilitar o investimento. En realidade, o que supoñerá será a mercantilización absoluta das nosas vidas e o sometemento total da soberanía dos estados aos intereses das grandes corporacións, con acordos que se están a negociar en segredo sen ningún tipo de transparencia nin control por parte de organismos públicos.
Este tratado non afectará á creación de emprego, senón que o precarizará. A través da entrada de empresas sen ningún tipo de control veremos como se privatiza a nosa sanidade, afectando especialmente ás persoas trans, cuxo dereito á libre determinación do xénero se verá atacado frontalmente. As persoas seropositivas cuxos ingresos non alcancen a cubrir os custosos tratamentos tamén veranse afectas e deste xeito podería producirse un auténtico xenocidio. Os poderes económicos e das grandes empresas serán as que diten as políticas que ata agora correspondían ao Estado en todos os ámbitos, acabando con todas as políticas de prevención da discriminación e a violenciaLGTBIfóbicas que veu realizándose de xeito insuficiente, pois non serán en absoluto rendibles. No ámbito laboral a nosa privacidade verase invadida e os nosos empregadores poderán ter acceso ás webs que visitamos e mesmo ao noso correo privado, o que obviamente supoñerá a orixe de novas situacións de acoso LGTBIfóbico os centros de traballo.

Os dereitos de toda a cidadanía e da comunidade LGTBI europea estarán en perigo de aprobarse este tratado que poñerá as grandes multinacionais e os estados ao mesmo nivel. É necesaria a mobilización e colaboración internacional de cara á información e concienciación da cidadanía para que esixamos a súa inmediata retirada.

As transmaribibolleras dicimos NON ao TTIP!


Podes asinar contra o TTIP neste enlace

Descárgate o noso argumentario en contra do Tratado neste enlace: Argumentario ALEAS-IU contra TTIP