23 febreiro 2015

Por unha Lei Estatal de Transexualidade!

ALEAS-EU, AO TRAVERO DE AGE, COMEZA OS PASOS CARA A APROBACIÓN DUNHA LEI ESTATAL DE TRANSEXUALIDADE

ALEAS-EU E AGE LEVARÁN A CABO MÁIS INICIATIVAS EN DEFENSA DOS DEREITOS DAS PERSOAS TRANSEXUAIS

Os dereitos das persoas transexuais é a batalla central do movemento LGTBI nestes momentos, con exemplos claros como a “Ley Integral de Transexualidad” andaluza, impulsada por compañeiras de ALEAS-IU Andalucía codo con codo co tecido asociativo e as activistas transexuais.

Agora, ALEAS-EU, xunto coa deputada Eva Solla, acaban de rexistrar unha Proposición Non de Lei no Parlamento Galego de cara a solicitar que este inste ao goberno central a comezar o proceso de elaboración e aprovamento dunha Lei Estatal de Transexualidade que garantice a non violación dos dereitos deste colectivo e a súa completa despatoloxización en todos os territorios do Estado. Esta PnL é un primeiro paso, dado que estanse a preparar novas iniciativas e porpostas de cara a avanzar nos logros e mellorar a situación das persoas transexuais do país e do Estado.

En palabras da deputada de Alternativa Galega de Esquerda, Eva Solla, “lexislacións en materia trans como a arxentina ou a andaluza son moi necesarias e non deben quedar á marxe da actualidade política”. Eva Solla cre que “non debería haber problema por parte de ningún dos grupos parlamentarios en apoiar esta iniciativa, e menos da aprobación da suposta “Lei Pola igualdade de Trato e a Non Discriminación de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia”.

Dende ALEAS-EU seguiremos loitando por avanzar nestas conquistas imprescindibeis da man de AGE e non pararemos ata conseguir a igualdade real e a normalización do colectivo trans na sociedade!