Estamos a vivir a peor crise económica na historia do
capitalismo. Mais ben, o capitalismo está en crise máis ca nunca. Atopámonos
nunha actualidade onde o neoliberalismo estase impoñendo sobre calquer tipo de
razón ética, unicamente interesado no desmantelamento do escaso “Estado do
Benestar” que xa disfrutábamos en España, atacando así sen piedade aos máis
febles da sociedade, aos emigrantes e á clase traballadora, aumentando a brecha
social, aumentando a diferencia entre xs de arriba e xs de abaixo, todxs nós.
Cando falamos de crise do capitalismo non nos estamos a referir a unha crise dentro dun territorio en concreto nin do, mal chamado por algúns expertos, “capitalismo español”, posto que o capitalismo non coñece fronteiras. O capitalismo é o mesmo aquí que en Portugal, Grecia, Irlanda, Italia, Malta, Chipre, Bélxica, Francia... E é neste contexto, é nestes tempos que estamos a vivir, cando os pobos de Europa dicimos: BASTA!
O 14 de novembro non é unha data calquera, é a data na que
todos os pobos, unidos coma un só, poñémonos en pé de loita contra a fame
insaciable do capital. O 14N é a primeira folga europea na que a clase
traballadora se une para loitar pola nosa forma de vida, polos nosos dereitos e
polo futuro de todas aquelas persoas que nos rodean e que están por chegar,
dando así un grandísimo exemplo do internacionalismo que tanto precisamos para
acadar solucións a esta estafa da banca europea, da Troika e dos de arriba.
Dende ALEAS-EU apoiamos a folga e vos convidamos a acudir e
a difundir a mensaxe da esperanza desta folga, unha folga na que se conseguiu a
unidade da maioría dos sindicatos da Galiza, posto que nesta loita non hai
espazo para diferenzas mínimas cando é moito máis o que nos une a todxs como
clase traballadora, coma seres humanos con dereito a unha vivenda digna, a unha
educación pública, a unha sanidade, ao acceso á xustiza, a poder manifestarnos,
a poder elixir sobre o noso corpo, a poder casarnos, a vivir sen medo. A
correcta decisión o martes pasado do Tribunal Constitucional non debe levarnos
a engano, aínda temos moito traballo por diante ata acadar a igualdade real do
noso colectivo, algo que o Partido Popular e os seus seguidores están moi
dispostos a impedir se non os paramos.
Porque temos que paralos! Porque non temos medo! O 14N
parámolo todo!