17 maio 2013

O 17 de maio tamén contra a LGTBIfobia!


A pesares dos numerosos e importantes avances conseguidos nos últimos anos, tanto no Estado Español como fóra del, seguimos necesitando reivindicar e facer un chamamento hoxe, 17 de Maio, Día Internacional contra a LGTBIfobia, ademais de Día das Letras Galegas, pola consecución da igualdade real e efectiva entre todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero. Dicimos que xa basta de persoas que sinalan e culpan a outras e a outros por vivir unha sexualidade diferente á súa de forma libre e plena, e dicimos basta aos recortes de dereitos e liberdades.

A aprobación do matrimonio igualitario supuxo un punto de inflexión histórico na loita do movemento LGTBI, con todo, debemos ser conscientes da necesidade de continuar loitando. Precisamente porque somos conscientes do esforzo que supón cada paso cara adiante, non permitiremos retroceder no conquistado nin deterémonos na consecución de todo o restante, que aínda é moito. Porque o conquistado, aínda que moi importante, non é suficiente.

O acoso escolar LGTBIfóbico, o mantemento da patoloxización da transexualidade a través da disforia de xénero, os constantes ataques LGTBIfóbicos de institucións retrógradas como a Igrexa católica, ou as trabas postas na adopción de nenos e nenas por parellas do mesmo sexo, son só algúns exemplos de a LGTBIfobia existente e, por tanto, do longo camiño que nos queda por percorrer. O contexto actual de crise de réxime e recorte de dereitos por parte dos gobernos nacional e central do Partido Popular non fan senón agudizar a xa complexa situación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, facendo aínda máis difícil a consecución da ansiada igualdade real e efectiva.

Así, desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), facemos un chamamento á reivindicación do 17 de Maio, non só como data nacional de reivindicación da nosa lingua e literatura, senón tamén como ferramenta de visibilidade das problemáticas que afectan ao colectivo LGTBI. Só a través da confluencia social e o traballo colectivo conseguiremos a igualdade real; e no marco desta tarefa faise necesario e imprescindíbel sumar forzas, porque xuntas somos máis fortes. Da mesma maneira, o noso traballo será incompleto si non nos enfrontamos ao mesmo tempo a outras desigualdades por razón de sexo ou raza. E, aínda que non a única, a educación debe ser o noso principal instrumento na erradicación da discriminación por motivos de orientación sexual e/ou identidade de xénero.

Por todo iso, desde ALEAS-EU reafirmamos neste día o noso compromiso activo e militante, non só na defensa da fala, senón tamén a favor da igualdade e o respecto da diversidade sexo-xenérica, e condenamos a discriminación e a violencia, física e verbal, que aínda sofren e á que se enfrontan día a día lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. A intolerancia non pode tolerarse e ante os ataques, responderemos colectivamente, cargados de razóns. 

O 17 de Maio, especialmente, dicimos non á LGTBIfobia, e dicímolo en galego!