Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida. Amosar todas as publicacións

26 xuño 2013

Manifesto de ALEAS-EU con motivo do 28 de Xuño, Día do Orgullo LGTBI


FRONTE Á CRISE DO RÉXIME: ORGULLOSAS E COMBATIVAS!


Máis de catro décadas despois dos disturbios que tiveron lugar no barrio neoiorquino de Stonewall volvemos a saír ás rúas. Somos outras activistas e, ao mesmo tempo, somos as mesmas; caras e espacios diferentes, idénticas esixencias de igualdade. O 28 de Xuño reivindicamos con orgullo un momento histórico de logros e conquistas, pero tamén apostamos pola continuidade dun movemento social que nos permita seguir avanzando na consecución da igualdade real e efectiva.



15 xuño 2013

Non ao modelo de Orgullo de A Coruña!

ALEAS-EU REXEITA O MODELO DO ORGULLO CELEBRADO NA CORUÑA E APOIA A CONVOCATORIA DUNHA MANIFESTACIÓN DO ORGULLO LGTBI EN VIGO O DÍA 29 DE XUÑO

 

ALEAS-EU ABOGA POR UN ORGULLO REIVINDICATIVO E COMBATIVO LIBRE DE CLICHÉS E MERCANTILIZACIÓN


O contexto no que o colectivo LGTBI se atopa fai que sexa necesario replantearnos o noso modelo de loita. Hai unha semana publicabamos unha declaración co noso modelo de Orgullo, un documento de duro traballo creado de abaixo cara arriba e coa colaboración do tecido asociativo LGTBI estatal e de movementos sociais.

11 xuño 2013

O noso modelo de Orgullo


A modo de introdución


Na actual coxuntura de crise terminal do sistema capitalista, a esquerda transformadora debe traballar dende abaixo na conformación dun bloque sociopolítico alternativo e potente que rexeite e combata o austericidio neoliberal; que impulse non só un cambio radical de políticas, senón a construción dun sistema verdadeiramente igualitario, xusto e democrático a través dun novo proceso constituínte. No marco desta ambiciosa tarefa, as experiencias de converxencia e confluencia co conxunto dos movementos sociais toman un papel protagonista para articular a proposta política e a mobilización social, en definitiva, para construír a alternativa necesaria e urxente á ortodoxia neoliberal.

07 xuño 2013

Comunicado de repulsa ao asasinato de Clément Méric



ALEAS-IU condena o asasinato do militante de esquerdas e activista LGTBI Clément Méric

En menos dunha semana coñecimos a noticia de varios actos de LGTBIfobia no mundo. O primeiro sucedeu en Rusia, onde tres individuos secuestraron e torturaron a un activista LGTBI ruso, que máis que loitar por conquistar dereitos, loitaba por sobrevivir, xa que neste país está a aumentar de forma extrema e alarmante a represión contra o colectivo LGTBI nos últimos anos.

O segundo caso nunha semana coñecímolo a madrugada do 6 de xuño, cando Clément Méric, militante do Parti de Gauche e activista LGTBI, que comenzaba este curso os seus estudos universitarios en París, recibiu unha brutal paliza por parte de tres individuos “skinhead”, na que sufriu a morte cerebral ao impactar a súa cabeza contra un elemento metálico, segundo as testemuñas.


Estas agresións violentas son a proba irrefutábel de que a loita do movimento LGTBI non fixo máis que comezar. O importante recoñecemento de certos dereitos civís nalgúns países do mundo, como a recente legalización do matrimonio igualitario en Francia, non poden facernos olvidar que estas conquistas son só un punto de partida, e nunca a meta da nosa causa. A igualdade social, real e efectiva, do colectivo LGTBI queda aínda moi lexos e debemos seguir denunciando e combatindo con determinación a violencia LGTBIfóbica e a súa impunidade.

É impensábel que a estas alturas da historia da humanidade e da loita polo recoñecemento da nosa igualdade sigamos ter que convivir con estas traxedias fomentadas polo odio e por razóns ideolóxicas, máis propias do III Reich. Estes terríbeis sucesos deben ser tomados como un toque de atención para todas e todos as/os que loitamos pola xustiza social e defendemos a igualdade de todas as persoas, posto que a crise terminal do sistema capitalista e as medidas de austericidio neoliberal, que están a asfixiar aos pobos de Europa, tamén están axitando á vella pantasma do fascismo, un inimigo que nunca foi erradicado de todo e que, como vemos en Grecia, é unha ameaza real.

Desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), queremos condenar firmemente este asasinato LGTBIfóbico e mostrar o noso apoio máis cercano á familia e ás/aos amiga/-os do compañeiro Clément Méric, trasladándolle o noso máis sentido pésame nestas difíciles horas. Ao pobo francés, ao movemento LGTBI de Francia e ás/aos nosas/-os compañeiras e compañeiros da esquerda francesa, queremos trasladarlle a nosa solidariedade internacionalista e esta mensaxe clara: a mellor forma de honrar a memoria de Clément é continuar a súa loita.

Non esquecemos, non perdoamos. Ningunha agresión sen resposta! Fascismo nunca máis! Non pasarán!


05 xuño 2013

Declaración de ALEAS-EU por un Orgullo LGTBI nacional e reivindicativo



ALEAS-EU FAI UN CHAMAMENTO PARA A REALIZACIÓN DUNHA MANIFESTACIÓN DO ORGULLO NACIONAL  

A Sociedade está a sofrer un ataque sistemático por parte dos mercados, a Troika e as medidas neoliberias do bipartidismo. A privatización da sanidade, a aprobación da LOMCE, a reforma da lei do aborto, a amnistía fiscal ou a reforma laboral son só algúns dos exemplos disto. Todas estas medidas afectan a toda a Sociedade, pero son especialmente duras para certos sectores da poboación, como as mulleres ou as e os inmigrantes.  

Estas medidas tamén son un ataque directo ao colectivo LGTBI. O actual partido dos gobernos autonómico e central, o Partido Popular, herdeiro das antigas élites do franquismo, nunca foi amigo de apoiar ás minorías sexuais nin a normalización da súa situación, como demostra o fallido recurso ante o Tribunal Supremo contra a Lei do matrimonio igualitario, as declaracións homófobas de membros do mesmo, como as do Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, ou o rexeitamento de crear un plan de saúde LGTBI na Galiza.  

E todo isto nun momento no que o texido organizativo LGTBI é moi feble. Tras a aprobación do matrimonio igualitario, a socialdemocracia deu a entender que todas as loitas do colectivo tocaran á súa fin, que xa non quedaba nada polo que loitar, desarticulándose en poucos anos unha grande parte do movemento LGTBI nacional e estatal.  

Sen embargo, vemos cada día que isto era falso, e que a nosa loita segue a ter un longo camiño por adiante. A homofobia institucional, os dereitos das persoas transexuais, o acoso LGTBIfóbico nas escolas e institutos, a visibilización LGTBI no rural, a loita contra o VIH, entre outras, son loitas fundamentais para acadar a normalización social do colectivo e a conquista de dereitos non recoñecidos.   

Neste contexto, dende a Área de Liberdade de Expresió Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), consideramos que a organización da resposta social é imprescindíbel, polo que o reimpulso da loita LGTBI organizada é unha prioridade.   

Neste senso, dende ALEAS-EU defendemos a celebración dunha manifestación nacional do Orgullo na Galiza, non só como una celebración, senón como a data de mobilización política e social máis importante no calendario LGTBI, adicada de forma esencial ás reivindicacións e protestas da comunidade LGTBI.  

ALEAS-EU rexeita a mercantilización que se ven facendo desta data na última década, unha mercantilización que leva á creación dun 'capitalismo rosa' que trae consigo o reforzamento dos estereotipos e clichés que existen sobre o colectivo. 
  
Así, dende a esquerda transformadora avogamos por un Orgullo que teña por protagonistas ás asociacións LGTBI, ás que corresponde a convocatoria, que compre sexa apoiada por forzas políticas, sindicais e sociais como o feminista ou o laicista, comprometidas coa causa, rexeitando a participación na convocatoria e financiación da mesma por parte de empresas privadas.  

Só coa loita e a organización seguiremos avanzando nas conquistas sociais e resistindo as envestidas do neoliberalismo, do catolicismo e da LGTBIfobia. Por un Orgullo nacional, combativo, anticapitalista, feminista e contra o heteropatriarcado!   


Máis info. en: 

aleas@esquerdaunida.org 

http://aleas-eu.blogspot.com.es 

29 maio 2013

ALEAS-EU denuncia o perigo da aplicación de móbil "VIHda"

ALEAS-EU rexeita as aplicacións móbiles pseudocientíficas para detectar o VIH e esixe a súa inmediata retirada

Desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) mostramos o noso máis profundo rexeitamento e indignación fronte ao lanzamento da aplicación móbil VIHda”, promovida recentemente pola Confederación COLEGAS. O noso rexeitamento non só se atopa motivado polo feito de que a nota de prensa emitida por devandita confederación para promocionar a aplicación asegure que esta “permite ao usuario medir as probabilidades de contaxio de VIH na súa última relación sexual”, cando é dabondo coñecido polas organizacións e comunidades científicas que levan anos traballando no campo do VIH que este non se contaxia senón que se infecta ou se transmite.
Un axente infeccioso-contaxioso é aquel que cumpre parte do seu ciclo vital fóra do corpo humano. É dicir, é capaz de sobrevivir no medio ambiente (aire, auga, alimentos contaminados, terra, etc) ou dentro dun animal que teña infección, durante periodos de tempo prolongados. O VIH non posúe tales características, ao contrario, pois trátase dun axente infeccioso-transmisíbel, dado que cumpre todo o seu ciclo vital dentro do corpo humano e que, por tanto, só pode transmitirse por contacto directo entre o corpo dunha persoa e o doutra a través dun intercambio de fluídos. O uso dese tipo de linguaxe contribúe a perpetuar aínda máis a discriminación cara ás persoas que vivimos co VIH. como así o sinalan estudos realizados e guías de estilo publicadas por CESIDA, ONUSIDA e outras entidades estatais e internacionais.

Doutra banda, por si isto fose pouco, COLEGAS refírese a “VIHda” como unha aplicación que “permite un diagnóstico eficaz e anónimo”. Este tipo de afirmacións xeran confusión na poboación que a miúdo carece de información veraz respecto da saúde sexual e descoñece que nada que non sexa unha proba específica pode ofrecer un diagnóstico eficaz para o VIH. Desde ALEAS-EU consideramos que esta aplicación resta máis que suma ao traballo que moitas outras entidades veñen desenvolvendo na resposta ao VIH/Sida desde fai 30 anos, pois pode inducir á xente a deixar de realizarse probas rápidas de VIH, dificultando así a moi necesaria detección precoz. Cremos pois que, de xeito evidente, esta aplicación non é útil para o fin que se publicita.
Pero o que nos parece máis deleznable é que desde o 'Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade' se eliminase o financiamento público de proxectos pioneiros únicos no estado español, referentes a nivel internacional, con resultados sobradamente demostrados e cunha traxectoria intachable, como son os casos do Servizo 900ROSA da Coordinadora LGTB de Catalunya e o Centro MediosySida da REDVIH, entre outros, en prol de subvencionar proxectos de dubidosa evidencia científica e de cuestionable eficiencia e eficacia. Desde ALEAS-EU só podemos entender este feito a través do claro trato de favor e a parcialidade por motivos políticos e ideolóxicos coa que se outorgaron as subvencións públicas do Plan Nacional da SIDA na convocatoria do ano 2012.
Por último, desde ALEAS-EU denunciamos, unha vez máis, os recortes que se están producindo contra a nosa sanidade pública. Estes non só provocan que se deixen de financiar iniciativas realmente útiles na prevención do VIH/Sida, como as anteriormente citadas, senón que tamén dificultan claramente o avance da investigación científica que nos permitiría desenvolver estratexias realmente novas e innovadoras, con evidencia científica que as apoie, que transmitisen información veraz e actualizada, que aplicasen metodoloxías realistas e eficaces, e que xerasen resultados obxectivos e positivos, características que “VIHda”, sen dúbida, non cumpre, polo que non podemos senón esixir a súa inmediata retirada.

Máis info:

17 maio 2013

O 17 de maio tamén contra a LGTBIfobia!


A pesares dos numerosos e importantes avances conseguidos nos últimos anos, tanto no Estado Español como fóra del, seguimos necesitando reivindicar e facer un chamamento hoxe, 17 de Maio, Día Internacional contra a LGTBIfobia, ademais de Día das Letras Galegas, pola consecución da igualdade real e efectiva entre todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou a súa identidade de xénero. Dicimos que xa basta de persoas que sinalan e culpan a outras e a outros por vivir unha sexualidade diferente á súa de forma libre e plena, e dicimos basta aos recortes de dereitos e liberdades.

A aprobación do matrimonio igualitario supuxo un punto de inflexión histórico na loita do movemento LGTBI, con todo, debemos ser conscientes da necesidade de continuar loitando. Precisamente porque somos conscientes do esforzo que supón cada paso cara adiante, non permitiremos retroceder no conquistado nin deterémonos na consecución de todo o restante, que aínda é moito. Porque o conquistado, aínda que moi importante, non é suficiente.

O acoso escolar LGTBIfóbico, o mantemento da patoloxización da transexualidade a través da disforia de xénero, os constantes ataques LGTBIfóbicos de institucións retrógradas como a Igrexa católica, ou as trabas postas na adopción de nenos e nenas por parellas do mesmo sexo, son só algúns exemplos de a LGTBIfobia existente e, por tanto, do longo camiño que nos queda por percorrer. O contexto actual de crise de réxime e recorte de dereitos por parte dos gobernos nacional e central do Partido Popular non fan senón agudizar a xa complexa situación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, facendo aínda máis difícil a consecución da ansiada igualdade real e efectiva.

Así, desde a Área de Liberdade de Expresión Afectivo Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), facemos un chamamento á reivindicación do 17 de Maio, non só como data nacional de reivindicación da nosa lingua e literatura, senón tamén como ferramenta de visibilidade das problemáticas que afectan ao colectivo LGTBI. Só a través da confluencia social e o traballo colectivo conseguiremos a igualdade real; e no marco desta tarefa faise necesario e imprescindíbel sumar forzas, porque xuntas somos máis fortes. Da mesma maneira, o noso traballo será incompleto si non nos enfrontamos ao mesmo tempo a outras desigualdades por razón de sexo ou raza. E, aínda que non a única, a educación debe ser o noso principal instrumento na erradicación da discriminación por motivos de orientación sexual e/ou identidade de xénero.

Por todo iso, desde ALEAS-EU reafirmamos neste día o noso compromiso activo e militante, non só na defensa da fala, senón tamén a favor da igualdade e o respecto da diversidade sexo-xenérica, e condenamos a discriminación e a violencia, física e verbal, que aínda sofren e á que se enfrontan día a día lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. A intolerancia non pode tolerarse e ante os ataques, responderemos colectivamente, cargados de razóns. 

O 17 de Maio, especialmente, dicimos non á LGTBIfobia, e dicímolo en galego! 

07 novembro 2012

Matrimonio igualitario e constitucional

“A igualdade é o trato idéntico que se lle brinda ás persoas sen que medie ningún tipo de reparo pola raza, sexo, clase social ou outra circunstancia plausible de diferenza. É a ausencia de calquera  tipo de discriminación.” Tendo en conta esta definición do termo igualdade, poderiamos pensar que non vivimos nun mundo igual para todxs. Hai moitos casos de discriminación na sociedade do século XXI, con exemplos como que as mulleres cobren menos que os homes nos mesmos traballos, que haxa xente vivindo en mansións mentres desafiuzan a unha familia con todos os membros en paro, que se considere unha enfermidade ser transexual cando non é así de ningunha maneira,…

Aínda así, somos moitxs xs que cremos que o cambio é posible e por iso, día a día, loitamos para que as cousas cambien e para que esta sociedade vaia a millor, porque, como ben dixo Eduardo Galeano: “A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela afástase dous pasos e o horizonte bótase dez pasos máis alá. Entón para que sirve a utopía? Para iso, sirve para camiñar”. Onte, podemos dicir que avanzamos tres pasos cara o horizonte.

Onte, día 6 de outubro do 2012, tivo lugar un feito histórico: o Tribunal Constitucional ditaminaba, con oito votos contra tres, a constitucionalidade da Lei do Matrimonio Igualitario do 2005 e, deste xeito, rexeitaba o recurso que o Partido Popular presentou contra dita lei catro meses despois da súa posta en vigor. Esquerda Unida e, en particular, ALEAS-EU (Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida), queren mostrar a súa satisfacción e aprobación pola resolución do tribunal. Cremos que o matrimonio non é unha invención da Igrexa, senón un dereito universal e accesible a parellas de todo tipo: home con home, muller con muller e home con muller, e que prohibilo sería un ataque directo aos dereitos dunha gran parte da sociedade.

Ademais disto, queremos censurar a conduta do Partido Popular e, en particular, a do Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, por presentar este recurso homófobo e, logo, por non telo retirado no transcurso destes sete anos. Preguntámonos se, cando din que o primeiro no que pensan é na cidadanía, refírense en realidade a que no primeiro que pensan é en fomentar a sociedade heteropatriarcal, homófoba e machista. Sendo así, pedimos ao goberno do Partido Popular que escoite á cidadanía e á xustiza, que non poña en perigo aos miles de matrimonios e familias homoparentais deste país e que comprenda que é lóxico que o que se considera normal sexa legal.

Este só é un paso, xa que aínda temos moito camiño de loita para acadar a igualdade real do colectivo LGTBI, polo que avante compañeirxs! Forza! 

#AmarÉConstitucional

26 xuño 2012

Asemblea Constituínte de ALEAS - EU

O pasado venres día 22 de xuño celebrouse na cidade de Compostela a primeira asemblea da Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), na que se aprobou o Regulamento Interno da área na Galiza, se elixiu e nomeou ao coordinador da área, ao secretario e ao responsable na primeira cidade activa, Compostela, e se fixaron as seguintes prioridades de traballo e proxectos da nova área:

  • Loitar polas liberdades e dereitos LGTBI, e sempre da man coas distintas asociacións comprometidas coa causa na Galiza.
  • Conseguir unha maior presenza da muller na loita do colectivo.

25 xuño 2012

Benvidxs ao blogue de ALEAS-EU


Estreamos un novo espazo na Rede que faga de fiestra entre ALEAS-EU e a cidadanía, o que nos vai a permitir informar da nosa actividade, das novas en cuestións LGTBI, así coma os nosos posicionamentos, manifestos, notas de prensa, etc. Non pretendemos con isto crear un espazo exclusivo para a xente de Esquerda Unida, todo o contrario, agardamos facer deste blogue un recurso de utilidade, polo que imos a contar con seccións que consideramos de interese xeral, deixando a porta aberta a todas as suxestións que neste senso nos fagades chegar.

É por iso que contaremos con apartados máis específicos que iremos construindo pouco a pouco. Un deles estará adicado a recomendar aqueles sitios web que consideramos poden ser de interese para a comunidade LGTBI. Tamén imos a habilitar unha sección dirixida á denuncia da homofobia persistente aínda nos nosos días. Queremos poñer a disposición da comunidade LGBTI as ferramentas e recursos cos que podemos contar para non deixar pasar por alto calquera mostra de desprezo homofóbico.