ALEAS-EU FAI UN CHAMAMENTO PARA A REALIZACIÓN DUNHA MANIFESTACIÓN DO ORGULLO NACIONAL
A Sociedade está a sofrer un ataque sistemático por parte dos mercados, a Troika e as medidas neoliberias do bipartidismo. A privatización da sanidade, a aprobación da LOMCE, a reforma da lei do aborto, a amnistía fiscal ou a reforma laboral son só algúns dos exemplos disto. Todas estas medidas afectan a toda a Sociedade, pero son especialmente duras para certos sectores da poboación, como as mulleres ou as e os inmigrantes.
Estas medidas tamén son un ataque directo ao colectivo LGTBI. O actual partido dos gobernos autonómico e central, o Partido Popular, herdeiro das antigas élites do franquismo, nunca foi amigo de apoiar ás minorías sexuais nin a normalización da súa situación, como demostra o fallido recurso ante o Tribunal Supremo contra a Lei do matrimonio igualitario, as declaracións homófobas de membros do mesmo, como as do Ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, ou o rexeitamento de crear un plan de saúde LGTBI na Galiza.
E todo isto nun momento no que o texido organizativo LGTBI é moi feble. Tras a aprobación do matrimonio igualitario, a socialdemocracia deu a entender que todas as loitas do colectivo tocaran á súa fin, que xa non quedaba nada polo que loitar, desarticulándose en poucos anos unha grande parte do movemento LGTBI nacional e estatal.
Sen embargo, vemos cada día que isto era falso, e que a nosa loita segue a ter un longo camiño por adiante. A homofobia institucional, os dereitos das persoas transexuais, o acoso LGTBIfóbico nas escolas e institutos, a visibilización LGTBI no rural, a loita contra o VIH, entre outras, son loitas fundamentais para acadar a normalización social do colectivo e a conquista de dereitos non recoñecidos.
Neste contexto, dende a Área de Liberdade de Expresió Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU), consideramos que a organización da resposta social é imprescindíbel, polo que o reimpulso da loita LGTBI organizada é unha prioridade.
Neste senso, dende ALEAS-EU defendemos a celebración dunha manifestación nacional do Orgullo na Galiza, non só como una celebración, senón como a data de mobilización política e social máis importante no calendario LGTBI, adicada de forma esencial ás reivindicacións e protestas da comunidade LGTBI.
ALEAS-EU rexeita a mercantilización que se ven facendo desta data na última década, unha mercantilización que leva á creación dun 'capitalismo rosa' que trae consigo o reforzamento dos estereotipos e clichés que existen sobre o colectivo.
Así, dende a esquerda transformadora avogamos por un Orgullo que teña por protagonistas ás asociacións LGTBI, ás que corresponde a convocatoria, que compre sexa apoiada por forzas políticas, sindicais e sociais como o feminista ou o laicista, comprometidas coa causa, rexeitando a participación na convocatoria e financiación da mesma por parte de empresas privadas.
Só coa loita e a organización seguiremos avanzando nas conquistas sociais e resistindo as envestidas do neoliberalismo, do catolicismo e da LGTBIfobia. Por un Orgullo nacional, combativo, anticapitalista, feminista e contra o heteropatriarcado!
Máis info. en:
aleas@esquerdaunida.org
http://aleas-eu.blogspot.com.es