11 xuño 2013

O noso modelo de Orgullo


A modo de introdución


Na actual coxuntura de crise terminal do sistema capitalista, a esquerda transformadora debe traballar dende abaixo na conformación dun bloque sociopolítico alternativo e potente que rexeite e combata o austericidio neoliberal; que impulse non só un cambio radical de políticas, senón a construción dun sistema verdadeiramente igualitario, xusto e democrático a través dun novo proceso constituínte. No marco desta ambiciosa tarefa, as experiencias de converxencia e confluencia co conxunto dos movementos sociais toman un papel protagonista para articular a proposta política e a mobilización social, en definitiva, para construír a alternativa necesaria e urxente á ortodoxia neoliberal.

A crise sistémica trouxo consigo perversas consecuencias para as maiorías sociais, xa sobradamente coñecidas: paro, precariedade laboral, pobreza, desafiuzamentos, privatización de servicios públicos básicos, recortes en políticas sociais... Desta forma, quedou demostrado que o benestar, a xustiza social e a igualdade son incompatíbeis co réxime actual. O desenvolvemento do Estado social é unha quimera irrealizábel no contexto do capitalismo en crise, unha crise que é agravada e profundizada día a día polas recetas neoliberais que impoñen as oligarquías nacionais e transnacionais: patronal, banca, gobernos de grandes potencias europeas (como Alemaña) e organismos financeiros internacionais (BCE e FMI).

Sen lugar a dúbidas, a igualdade é hoxe a gran sacrificada por este austericidio neoliberal. As políticas de austeridade e axuste duro do goberno do Partido Popular e a 'Troika' están a colocar no centro da diana aos sectores sociais máis febles: mulleres, mocidade, migrantes, pensionistas, persoas dependentes, LGTBI... etc. E estes colectivos especialmente vulnerábeis están a pagar, cunha constante mutilación dos seus dereitos e a degradación das súas condicións de vida, unha crise que non causaron, mentras que os verdadeiros culpábeis do colapso obteñen impunidade e reforzan os seus privilexios políticos, sociais e económicos.

A resposta ante esta situación só pode atoparse na loita nas rúas, xunto ás e aos de abaixo, no reencontro entre a esquerda política e os movementos sociais. O obxectivo último é claro: transformar a mobilización en organización, a rebeldía en alternativa e a alternativa en poder, e para esta tarefa non hai tempo que perder.


Un debate amplo, de longo percorrido e a pé de rúa


A situación do colectivo de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais neste contexto de crise social, política, institucional, económica e cultural merece unha atención específica. Grazas a décadas de loita social e de incansábel traballo activista e militante, o noso colectivo conquistou históricos avances en materia de igualdade. Sen embargo, estes importantes logros incidiron principalmente na igualdade legal e formal (leis como a do matrimonio igualitario e a de identidade de xénero), faltando todavía moito camiño por percorrer para conquistar a ansiada igualdade social e real. A despatoloxización das identidades trans e da intersexualidade, a loita contra o acoso escolar e laboral LGTBIfóbico, a necesaria prevención do VIH/Sida e das ITS, a visibilidade dos nosos maiores, o xusto recoñecemento das nosas represaliadas polo franquismo, a consecución dun Estado laico…, son algúns dos retos máis importantes que temos enriba da mesa.

Nesta difícil coxuntura é necesario, de forma prioritaria, defender e consolidar os dereitos conquistados, e que seguen sendo combatidos hoxe cun gran esforzo pola dereita e a xerarquía eclesiástica, sin que iso nos incite a caer en actitudes conformistas nin autocomplacientes. Aínda que as políticas actuais camiñen nunha dirección oposta mostrando o ataque permanente ás conquistas de movementos sociais como o feminista ou o LGTBI, non debemos plegarnos ante o pragmatismo, senón continuar abanderando o empoderamento, a rebeldía e a reivindicación.

Fronte á voracidade da crise capitalista, vólvese imprescindíbel reimpulsar unha loita social ampla e sostida. E, no caso do movemento LGTBI, iso pasa necesariamente por repensar e fortalecer a nosa principal mobilización nas rúas, as manifestacións anuais do Orgullo e a liberación sexual e de xénero, co obxectivo de activar ao mesmo tempo un novo ciclo de protestas do noso movemento social.



Durante os últimos anos, diversas voces do propio movemento LGTBI plantexaron en non poucas ocasións a necesidade de revisar o modelo de celebración e reivindicación que sostén o actual Orgullo LGTBI, como principal mobilización en defensa das liberdades afectivo-sexuais e de xénero. Esta necesidade de reflexión foi tamén compartida pola esquerda alternativa e transformadora, partidaria sempre de reforzar a carga política e reivindicativa desta manifestación e facela así máis potente, transgresora e combativa.

Por esta razón, a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS) de Esquerda Unida, como parte integrante do movemento LGTBI, desenvolveu un amplo e profundo debate sobre o actual modelo de Orgullo LGTBI implantado a nivel estatal e tamén nas comunidades autónomas e as posíbeis aportacións e alternativas ao respecto. O principal obxectivo deste proceso de debate foi claro dende o principio: propor construír, xunto á esquerda política e aos movementos sociais, un novo modelo de Orgullo LGTBI para un novo tempo.

Dito proceso foi desenvolvido a pé de rúa, de abaixo a arriba, nos nivéis municipal, autonómico e estatal, xunto ao diverso texido asociativo LGTBI, a militancia da esquerda transformadora e outros movementos sociais e populares emancipadores (feminista, sindicalista...). As claves do proceso foron o compromiso militante, a participación activa, o debate de ideas e propostas, a reflexión crítica e o encontro. E o resultado é o que se atopa a continuación, onde se recolle unha posición propositiva que non pretende ser maximalista nin excluínte, senón tan só unha aportación máis, dende a esquerda e os movementos sociais, á necesaria reformulación da mobilización máis masiva do movemento LGTBI nun contexto de innegábel cambio de época.


Que é para nós o Orgullo LGTBI?


O Orgullo LGTBI no Estado español debe ser entendido hoxe sen renunciar aos seus antecedentes históricos máis inmediatos, como as manifestacións ilegalizadas durante o Franquismo e a Transición, e considerando en todo momento as transformacións derivadas do novo tempo político, social e cultural que estamos a vivir.

Con todo, o Orgullo LGTBI é unha manifestación política, como política é a nosa histórica loita pola igualdade e a diversidade e polo recoñecemento dos nosos dereitos. Política é conflito, e a nosa loita é un verdadeiro conflito contra un sistema heteropatriarcal que todavía nos discrimina, estigmatiza, invisibiliza e precariza en numerosos ámbitos e facetas das nosas vidas. Polo tanto, é unha manifestación política, nunca un desfile nin unha cabalgata, pero unha mobilización que non renuncia a ser festiva. Por iso, defendemos unha festa popular e veciñal, non mercantilizada nin privatizada, imbuída de carga política, que celebre a diversidade afectivo-sexual e de xénero alonxada de intereses particulares e empresariais que podan desvirtuar o seu espíritu e a súa razón de ser.



Para nós o Orgullo LGTBI é unha mobilización social e política, de activistas e militantes, da cidadanía en xeral, non de clientes nin consumidores. Unha manifestación na que se defende a igualdade real e efectiva do colectivo LGTBI, unha igualdade que nos permita vivir os nosos corpos, a nosa orientación sexual e identidade de xénero e o noso estado serolóxico con libertade e ser cidadanía con plenos dereitos recoñecidos (políticos, sociais e económicos), non meras consumidoras dun determinado y rentábel nicho de mercado que se esforza en explotar certo empresariado “rosa”.

É unha convocatoria dos movementos sociais, en especial do movemento LGTBI, non de empresas que pretenden negociar cunha identidade, unha estética ou unha forma de vida que o sistema reserva intencionadamente ao colectivo LGTBI, reforzando así toda unha serie de manidos estereotipos. Trátase dunha convocatoria de encontro e confluencia da nosa propia loita con outras loitas emancipatorias, con outros movementos sociais e populares e organizacións políticas cómplices, comprometidas firmemente coa causa da igualdade e da diversidade.

É unha xornada pública adicada principalmente á reivindicación e á protesta, un día para a visibilidade social das diversas realidades e demandas do propio colectivo LGTBI e para a denuncia firme da desigualdade e a discriminación. Non é unha xornada para a publicidade comercial, interesada en esconder o conflito político e as propostas dos movementos sociais críticos con este sistema en descomposición, nin para o entretemento lúdico desligado de todo compromiso social e reivindicación política.


Que modelo concreto de Orgullo LGTBI defendemos?


Nós, dende a esquerda transformadora e os movementos sociais, cremos nun Orgullo LGTBI organizado exclusivamente polo tecido asociativo LGTBI, a través de coordinadoras ou asembleas e apoiado por outras organizacións políticas, sociais e sindicais plenamente comprometidas cos valores e as reivindicacións da nosa loita. Este modelo de convocatoria pode atopar un bo exemplo a seguires no que utiliza dende hai décadas o movemento feminista para organizar e preparar as mobilizacións do 8 de marzo.

Queremos un Orgullo que priorice a necesaria alianza e a sinerxia con outras loitas emancipatorias, especialmente con movementos como o feminista, o sindical, o veciñal, o migrante e o laicista. Rexeitamos con firmeza a idea de que as empresas podan influír dunha ou outra maneira na convocatoria dunha mobilización política e social e das súas festas populares e veciñais, arrebatando protagonismo ás activistas sociais e impoñendo os seus intereses particulares e dinámicas mercantilistas.

Defendemos a autofinanciación da mobilización do Orgullo LGTBI a través das aportacións económicas dos propios movementos sociais e organizacións convocantes e de colectas populares e solidarias realizadas para tal fin. En caso de ser necesaria, propoñemos a utilización de axudas públicas para financiar o Orgullo LGTBI, pero mostrámonos contrarias a que o Orgullo sexa financiado con subvencións procedentes de empresas e/ou partidos que puideran limitar a autonomía e a independencia do movemento.



Apostamos por un Orgullo LGTBI profundamente reivindicativo e combativo, sin renunciar ao compoñente lúdico e festivo. Propoñemos unha manifestación política, alegre e festiva, centrada na reivindicación; unha mobilización politizada, alonxada de partidismos, que desterre así posíbeis usos electoralistas de nosa loita. Pero, tamén unha manifestación non mercantilizada nin instrumentalizada por intereses empresariais ou corporativos, porque cremos firmemente que os nosos dereitos non son unha moeda de cambio nin un negocio lucrativo.

Defendemos que o Orgullo LGTBI posea un marcado carácter social, popular, democrático, anticapitalista, solidario, participativo, incluínte e descentralizado, no que se fomente ante todo a participación da cidadanía e dos movementos sociais e se faga un esforzo notábel por visibilizar todas as realidades da diversidade sexual e de xénero, sin exclusións, partindo de enfoques transversais e interseccionais. Especialmente denunciamos a exaltación dos cánones de beleza heteropatriarcais e capitalistas que invisibilizan a diversidade dos nosos corpos reforzando, en moitos casos, a endodiscriminación.

Queremos un Orgullo LGTBI rebelde e inconformista, que non tolere ningunha forma de discriminación e evite os pulsos normalizadores e o conformismo ou a autocomplacencia, un Orgullo onde non se permita ningunha mostra de machismo, racismo, LGTBIfobia, plumofobia, nin actitude contraria aos dereitos humanos por parte dos seus organizadores, participantes ou artistas invitados, un Orgullo que celebre os avances acadados, considerándoos un punto de partida, e nunca unha meta, para seguir loitando e alcanzar a perseguida igualdade real.

Somos partidarias dun Orgullo LGTBI seguro, limpo e sosteníbel, un Orgullo comprometido co respecto ao medio ambiente e contra a contaminación, tamén acústica, que pode producirse a raíz das grandes concentracións humanas. Por esta razón, propoñemos o diseño e desenvolvemento de campañas de sensibilización contra a contaminación, así como de plans para potenciares o uso do transporte público en colaboración coas institucións. Tamén defendemos un modelo de Orgullo seguro, onde a protección da cidadanía mobilizada esté garantida polas necesarias medidas de seguridade e unha responsábel e correcta actuación dos servicios de emerxencia.

Por último, propoñemos un Orgullo LGTBI no cal tome un protagonismo principal a comunicación transparente e eficaz das reivindicacións do movemento LGTBI, aproveitando esta gran mobilización pola igualdade e a diversidade. Neste sentido cremos necesario mellorar o traballo de comunicación cara ao Orgullo e reforzar especialmente a labor de pedagoxía e sensibilización ante os medios de comunicación de masas, os cales contribúen en numerosas ocasións a reforzar estereotipos e clichés en torno á diversidade afectivo-sexual e de xénero.