Queremos solidarizarnos co noso compañeiro Noel Dopazo e o seu mozo, que no día de onte sufriron un ataque homófobo nun coñecido local de Compostela.
A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual quere denunciar a agresión de carácter homófobo e fascista sufrida polo compañeiro Noel Dopazo e a súa parella. Unha vez máis asistimos a un lamentable espectáculo de homofobia, protagonizado por aqueles que non teñen vida propia e se adican a destruir a dos demais, por aqueles que a frustración consigo mesmos lles leva a atentar contra a integridade física e moral das outras persoas, sexa cal sexa o motivo, neste caso por razón de orientación sexual.
Non imos a tolerar estes feitos e cada agresión homófoba vai a ter a súa resposta, xa que aínda hoxe é triste ter que estar a dar estas novas, cando hai quen dende a tribuna do Parlamento de Galicia aínda esta semana presumía de que "España é o país máis respectuoso coa diversidade afectivo-sexual". Curiosamente estas manifestacións viñeron das filas do PP, que nos quere facer crer que a homofobia xa non existe, que temos todas os mesmos dereitos e que ninguén se ve atacado ou discriminado pola súa orientación sexual ou identidade de xénero. Lamentablemente os feitos mostran que hai un longo camiño por percorrer, xa que namentres acontezan feitos coma o denunciados non se pode baixar a garda. Teremos que levar ao Parlamento tantas medidas como faga falla, teremos que facer as denuncias que teñamos que facer, teremos que emprender tantas loitas como se poñan por diante, pero que ninguén agarde que dende ALEAS-EU vaiamos a dar nada por feito nin conseguido.
O Consello Comarcal de Esquerda Unida en Compostela ven de manifestar igualmente a maior repulsa fronte a esta agresión, á par que mostran unha vez máis o seu compromiso por traballar en coordinación con ALEAS-EU porque feitos coma este non se volvan a dar.
Tamén o Coordinador Federal de ALEAS-IU, Alberto Hidalgo, quixo mostrar o seu apoio e solidariedade co compañeiro agredido e o seu mozo, enfatizando que "se nos tocan a unha tócannos a todas". Abonda xa de LGTBIfobia, estamos fartas de tanta intolerancia.