04 setembro 2013

De las Heras rexistra unha iniciativa para instar ao Goberno a manifestar a súa preocupación e repulsa ante a LGTBIfobia institucional rusa

 

A deputada de IU e portavoz parlamentaria na Comisión de Igualdade reclama tamén ao Executivo do PP que manifeste publicamente “a intención de levar a estudo e consulta a participación do equipo olímpico español nos Xogos Olímpicos de inverno de 2014”. 


A deputada de Izquierda Unida e portavoz na Comisión de Igualdade, Ascensión de las Heras, ven de rexistrar no Congreso unha iniciativa parlamentaria para que a Cámara Baixa inste ao Executivo a “manifestar formalmente a preocupación e repulsa do Goberno español ante as autoridades rusas pola escalada de LGTBIfobia institucional no país”.

Con esta Proposición Non de Lei (PNL) a deputada de IU sae ao paso do “violento clima de LGTBIfobia que se está a vivir en Rusia”, así como a LGTBIfobia persistente noutros países do planeta (76 países teñen leis similares ou incluso peores). Pero o caso de Rusia está a ser, se cabe, máis preocupante e perigoso ao ser tomado como exemplo e modelo a seguir por grupos LGTBIfóbicos en países occidentais”.

Outra das demandas que inclúe a iniciativa firmada por De las Heras esixe “ao Goberno de Rusia o cumprimento das leis internacionais como membro do Consello de Europa e os compromisos adquiridos respecto ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos”.

A parlamentaria de IU recorda que “a Rede LGTB rusa asegura que o acoso cara o colectivo LGTBI está a ser organizado a nivel nacional, por primeira vez, a través de grupos de extrema dereita coñecidos como Occupy Gerontofilia e Occupy Pedofilia, que empregan as redes sociais e que aseguran estar procurando ‘reformar’ ás persoas LGTBI”.

Neste marco, reclámase tamén ao Goberno que manifeste publicamente “a intención de levar a estudo e consulta a participación do equipo olímpico español nos Xogos Olímpicos de inverno de 2014”, previstos para o mes de febreiro dese ano na cidade rusa de Sochi, así como que proceda á “petición formal ante a UE para que adopte, no marco dos acordos internacionais con Rusia, as medidas precisas a favor do respecto e cumprimento dos DD.HH. do colectivo LGTBI en dito país”.

A iniciativa elaborada en colaboración coa Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS-IU), recolle que “a nova política represiva levada a cabo polo goberno de Vladimir Putin, así coma os crimes de odio consentidos pola Administración rusa que veñen tendo lugar nos últimos días contra a comunidade LGTBI, fan ineludible que o goberno español se pronuncie e reprobe con firmeza as accións emprendidas por Rusia, defendendo o dereito de todas as persoas a vivir a súa sexualidade e a súa identidade de xénero en liberdade e igualdade.

“Amnistía Internacional –sinala especificamente De las Heras- manifestou que a lei que declara ilegal a ‘propaganda da homosexualidade entre menores de idade’ restrinxe dereitos humanos fundamentais e vulnera a obriga de Rusia, en virtude do dereito internacional, de protexer da discriminación a lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI)”.