ALEAS-EU esixe a ilegalización de todas as organizacións de ultradereita na Galiza
Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) queremos mostrar, unha vez máis, o noso apoio ao compañeiro agredido na madrugada do xoves no pub de Compostela ‘TNT’ por parte dun membro do 'Movemento de Resistencia Ario Gallaecia (M.R.A. Gallaecia), no que cabe cualificar como unha agresión LGTBIfóbica e fascista no corazón do país.
Nos últimos meses fomos testemuñas de como as organizacións de corte fascista están a medrar e a aparecer cada vez máis no panorama político do Estado, sendo esta agresión un bo exemplo disto, xunto co ataque sufrido nun acto da Diada en Madrid esta semana por parte de forzas como 'Alianza Nacional'.
Mentres os gobernos do Partido Popular, autonómico e estatal, malgastan o tempo e crean cortinas de fume falando de organizacións como 'Resistencia Galega', a auténtica ameaza, o fascismo, está a facerse forte nas nosas rúas sen ningún tipo de medo ou disimulo, esparexendo terror e ameazando os dereitos e liberdades da sociedade.
Así, esta semana o grupo parlamentario de 'la Izquierda Plural' ven de presentar unha PNL na que demanda a ilegalización das organizacións e partidos de extrema dereita, así como a súa disolución. Esta sería unha solución eficaz e precisa para evitar a proliferación e crecemento de grupos con ideoloxía nazi como está a acontecer en Grecia ou mesmo na veciña Francia.
Por todo isto, ALEAS-EU esixe, tanto á Xunta de Galicia como ao goberno central, que tome cartas no asunto e se apresure en ilegalizar este tipo de organizacións, dado o perigo que supoñen para a cidadanía en xeral e para colectivos como o LGTBI ou o migrante en particular.
O noso deber: vencer ao fascismo con Orgullo! Non pasarán!