Grecia, Francia ou Finlandia son un claro exemplo do auxe dos partidos políticos que levan a xenofobia e a homofobia como bandeira do seu discurso político. O partido filonazi Amencer Dourado (Χρυσή Αυγή, Chrysí Avgí), con 18 representantes no Parlamento heleno, é o cumio da degradación política que sofre o continente; incitando os vergoñentos sucesos en Patras ou Atenas, onde inmigrantes e homosexuais foron obxecto de ameazas, burlas e agresións de todo tipo. O feito de que esta ideoloxía se expande nos Parlamentos é unha realidade, expoñendo o caso da UMP (conservadores franceses), os cales modificaron o seu discurso enchéndoo de odio cara uns colectivos que, coma a maioría da poboación, só son vítimas das brutalidades do capitalismo.
Fronte esta realidade, ALEAS-EU expresa o seu absoluto apoio ao proxecto de instituir o 22 de xullo como ''Día en Memoria das Vítimas de Crimes de Odio'', aniversario da masacre en Noruega, lembrando así as vítimas daquela matanza e a calquera vítima de crimes de odio racista, xenófobo, antisemita, islamófobo, fascista, LGTBIfobo, neonazi ou de calquera expresión de intolerancia. Sumámonos así ás diversas asociacións e grupos políticos que loitan día a día por rematar con esta lacra. Queremos frear o auxe desta escura e deshumanizada corrente ideolóxica que enche de tebras a Europa. Desexamos levar a cabo ese soño dunha Europa plural e multicultural, porque nós somos máis. Non pasarán!