O matrimonio formado por dúas mulleres da comarca, acudíu ao Rexistro Civil para inscribir aos seus fillos recén nacidos, cando se atoparon cunha serie de trabas impropias da súa situación legal. Para poder efectuar o rexistro indicóuselles un procedemento propio dunha parella non casada en matrimonio, o que non se corresponde co estado legal da parella. Posto que dende estas instancias se lles poñían unha serie de trabas optaron por acudir ao Rexistro Civil do concello do que procede unha das mulleres, Castro de Rei, onde segundo o establecido por Lei se permitíu o trámite sen obxeccións.
Estes feitos constitúen un caso flagrante de discriminación deste matrimonio entre persoas do mesmo sexo, en relación con calquera outro de distinto sexo, en contra do establecido legalmente a partires das reformas derivadas tanto da Lei 13/2005, de 1 de xullo, pola que se modifica o Código Civil en materia de dereito a contraer matrimonio, como da Lei 14/2006, de 26 de maio, sobre técnicas de reprodución humana asistida, que no Artigo 7.3. establece que “Cando unha muller estivese casada [...] con outra muller, esta última poderá manifestar fronte o Encargado do Rexistro Civil do domicilio conxugal, que consinte en que cando naza o fillo [...] se determine ao seu favor a filiación respecto ao nacido”.
Entendemos que estes feitos seguen a acontecer aínda hoxe por descoñecemento e desatención ás obrigas estabrecidas por Lei, polo que requerimos rectificación inmediata por parte da institución, así como se solicita se emprendan as accións precisas para que feitos coma este non volvan a acontecer nun futuro.