17 abril 2013

1º de Maio: Orgullo é clase obreira!

A Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida (ALEAS-EU) defenderá no 1º de Maio, Día da Clase Traballadora, as reivindicacións propias das persoas LGTBI, especialmente afectadas polas políticas neoliberais e conservadoras do Goberno do Partido Popular en materia laboral. 

No primeiro trimestre de 2013 o número total de persoas desempregadas no Estado Español supera os 5 millóns, a taxa de desemprego xuvenil alcanza o 55%, e máis dun millón de persoas, fuxindo da pobreza, o paro e a precariedade laboral, tiveron que exiliarse nos últimos anos. Esta situación é consecuencia directa da política neoliberal levada a cabo polo Goberno do Partido Popular, que ten como obxectivos principais o desmantelamento do escaso Estado de benestar que tiñamos ata o de agora, a través de sucesivos recortes orzamentarios en servizos sociais básicos como a educación, a sanidade ou as pensións, e a creación de man de obra barata para os Estados máis fortes da UE, como Alemaña. Ademais, a reforma laboral aprobada o pasado ano polo Goberno central arrebata ás clases traballadoras e asalariadas a posibilidade de defender os seus dereitos sociais e laborais.

Estas políticas de austericidio e de privatización dos servizos públicos teñen consecuencias perversas para a clase traballadora no seu conxunto e para o colectivo LGBTI en particular. A interrupción dos programas de reprodución asistida para mulleres lesbianas e bisexuais, a eliminación das partidas orzamentarias destinadas a operacións de reasignación xenital ou os recortes en investigación e prevención do VIH-SIDA afectan especialmente, e con dramáticas consecuencias, aos diferentes colectivos de persoas LGTBI. Ademais, hai que destacar as dificultades que as persoas transexuais seguen atopando para acceder ao mundo laboral, sendo unha gran minoría as e os que finalmente o conseguen. En definitiva, as persoas LGTBI ven cómo os seus dereitos civís, conquistados durante décadas grazas a un arduo traballo de sensibilización e de loita social, sonlles arrebatados nuns poucos meses co manido argumento de que trátanse de medidas obrigatorias impostas por organismos económicos internacionais.

Especificamente o ámbito laboral, a nova reforma neoliberal aprobada polo Goberno central obriga ás persoas LGTBI a "volver ao armario". A facilidade ofrecida á patronal para o despido masivo e arbitrario fai que, na práctica, calquera acto de visibilización dunha orientación sexual e/ou identidade de xénero non heteronormativa poda motivar un despido non xustificado en termos económicos. A isto hai que sumarlle o ataque brutal contra o dereito á negociación colectiva que esta reforma supón, así como a persecución contra as organizacións obreiras e sindicais. Sen sindicatos nin negociación colectiva pérdense dous instrumentos esenciais para impulsar a igualdade e o respecto á diversidade no plano laboral.

Neste contexto, ALEAS-EU ve ineludíbel construír en torno ao 1º de Maio, Día da Clase Traballadora, un proxecto común que englobe ás maiorías sociais perxudicadas polas políticas neoliberais da Troika (FMI, BCE e Comisión Europea) e o Goberno do Partido Popular. Se nos anos da expansión económica o movemento LGTBI puido impulsar o debate sobre a idoneidade de construír alianzas concretas cuns ou outros sectores da sociedade, agora máis que nunca faise patente a inevitabilidade de converxer en torno a un mesmo proxecto común, construído colectivamente e dende abaixo. Por iso, a Área de diversidade afectivo-sexual de Esquerda Unida fai súa a convocatoria de loita social en torno ao 1º de maio, co obxectivo de facer confluír nun mesmo espazo e nun mesmo discurso as reivindicacións propias das persoas LGTBI coas da clase traballadora. Porque as transmaribibolleras tamén somos clase obreira!

15 abril 2013

Manifesto de Esquerda Unida pola III República

Este ano conmemoramos o 82 aniversario da Proclamación da II República Española e afrontámola nuns momentos onde a situación social é de extrema gravidade, onde os gobernos tanto do PSOE coma do PP nos colocaron á mercede dos mercados, coa legalización da precariedade no emprego e na vida das persoas.

ALEAS-EU rexeita a homofobia do bispo Reig Plá

Con motivo da presentación do “Encuentro Internacional por la Vida”, que tivo lugar a pasada fin de semana na Universidade CEU-San Pablo, o bispo de Alcalá de Henares volveu realizar unhas declaracións homófobas e sexistas. Juan Antonio Reig Plá asegurou que “introducir certas ideoloxías no ensino leva ao cuestionamento, por parte dos nenos, da súa condición homosexual”.

Ademais diso, este bispo aproveitou a ocasión para refrendar as palabras pronunciadas o pasado 7 de Abril de 2012 na homilía retransmitida por TVE sobre a homosexualidade e o aborto. Así, asegurou que o día no que se deroguen as leis que regulan a interrupción voluntaria do embarazo haberá un “grito de liberdade”, e que “probando” as rapazas e os rapaces poden incluso chegar a se “prostituíren”. En verbas do propio bispo: “Falaba de nenos que levados por unha ideoloxía poden dubidar da súa condición e identidade sexual e que ás veces pode levar a que un probe se é dunha maneira ou doutra”.

05 abril 2013

Comunicado de prensa: Xornadas federais ALEAS-IU

A ÁREA DE LIBERTADE DE EXPRESIÓN AFECTIVO SEXUAL (ALEAS) DE IZQUIERDA UNIDA CELEBRA O 6 E 7 DE ABRIL AS XORNADAS FEDERAIS EN COMPOSTELA
 
DENDE A EXECUTIVA DE ESQUERDA UNIDA E PARA O COORDINADOR NACIONAL DE ALEAS-EU GABRIEL RODRIGUEZ, ESTAS XORNADAS SUPOÑEN UNHA GRAN OPORTUNIDADE PARA PENSAR OS NOVOS DESAFÍOS DO MOVEMENTO LGTBI DESDE A ESQUERDA

03 abril 2013

14 de abril: Orgullo é República!

Con motivo do 82º aniversario da proclamación da IIª República, a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida mostra o seu rexeitamento á institución monárquica por antidemocrática, machista, homófoba e patriarcal.


Un ano máis, ALEAS-EU reivindica a construción da Terceira República como unha oportunidade para a conquista de dereitos e liberdades por parte das maiorías sociais en xeral, e para as persoas LGTBI en particular. Tal e como se ven facendo dende os distintos ámbitos de Esquerda Unida, dende ALEAS-EU expresamos o noso máis sinceiro apoio aos actos de conmemoración da proclamación da IIª República. Este período político, se ben desgraciadamente breve, supuxo enormes avances na igualdade social, así como a consecución de dereitos e liberdades ata entón descoñecidos, como por exemplo: o recoñecemento dos dereitos das mulleres, a mellora nas condicións laborais das clases traballadoras ou a aceptación das diferentes realidades nacionais dentro do Estado Español son só algúns exemplos disto.