15 abril 2013

Manifesto de Esquerda Unida pola III República

Este ano conmemoramos o 82 aniversario da Proclamación da II República Española e afrontámola nuns momentos onde a situación social é de extrema gravidade, onde os gobernos tanto do PSOE coma do PP nos colocaron á mercede dos mercados, coa legalización da precariedade no emprego e na vida das persoas.

O Partido Popular coas súas políticas ilexítimas foi quen de afondar a crise económica que condena a traballadoras e traballadores e a outros colectivos, pequenos comerciantes e autónomos, creando unha situación sen precedentes, en Galicia o desemprego ronda as cifras de 300.000 persoas, preto de 200.000 familias están en situación de exclusión social, e o aumento da pobreza é continuo, a precariedade laboral é a folla de ruta do mercado.


Con estas políticas, nas que a corrupción aflora por todo o país mesmo afectando á Casa Real que se atopa nunha situación de debilidade e descrédito, Esquerda Unida considera que é necesario mudar o sistema e romper coas políticas actuais impostas por un goberno que só atende ao poder dos mercados esquecendo os dereitos das persoas e a xustiza social.

Por iso dende Esquerda Unida defendemos un modelo de estado circunscrito a tres principios: federalidade, republicanismo e solidariedade entendemos que o actual marco constitucional é incompatible co desenvolvemento deste modelo polo que consideramos necesaria a apertura dun novo proceso constituínte cara unha III República, na que a federalidade permita un proxecto común de convivencia colectiva e solidaria na que se recoñeza o dereito de autoderminación dos pobos.

Acadar unha democracia avanzada no marco dun estado federal, republicano e solidario que amplíe os marcos da liberdade e participación que garanta o benestar económico, social e cultural da cidadanía é un obxectivo real e máis que nunca posible e necesario.

Esquerda Unida plantexa a República como unha estructura na que cada pobo sexa quen de decidir, na que a participación activa de todas e todos sexa o motor da solidariedade e dos dereitos individuais e colectivos.

Lembramos nestas datas a todas aquelas persoas que loitaron en defensa dunha República e dunha democracia fronte a un golpe de estado que rematou nunha dictadura que nos oprimiu durante máis de 40 anos, deixando polo camiño milleiros de persoas que ainda permanecen soterrados nas cunetas. Por iso tomamos o relevo desa loita, para reivindicar os nosos dereitos ante unha nova dictadura, a dos mercados, a do capital a da desigualdade esta dictadura que tamén está a rematar con moitas vidas.

Por todo isto, dende Esquerda Unida consideramos que este é o momento de unirmos os nosos esforzos para iniciar un proceso constituínte republicano que solicita da participación activa da sociedade para entre todas e todos contruír unha III República na que as persoas sexamos o prioritario.