ALEAS Esquerda Unida denuncia a homofobia do Partido Popular
que ven de rexeitar en Comisión de Sanidade no Parlamento Galego a PNL de AGE
sobre a creación de Plans de Saúde
específicos para a comunidade LGTBI.
Os argumentos dados polo Grupo Parlamentar Popular para
votar en contra da PNL pasan por entender que "a sexualidade forma parte
da intimidade de cada persoa" e que "non queren facer guetos na
sanidade".
Negar a existencia de necesidades que requiren un
plantexamento específico e rexeitar a posibilidade de formar ao persoal
sanitario, provoca inequivocamente o que eles din que pretenden evitar: provoca
a ausencia de protocolos preventivos con respecto á saúde e deriva en aspectos
mal tratados (tanto física como psicoloxicamente) por ausencia de coñecemento e
formación por parte dos profesionais. Igualmente nega a posibilidade de lanzar
campañas públicas de información e prevención específicas.
A OMS (Organización Mundial da Saúde) con datos dispoñibles
de dezasete Comunidades Autónomas españolas, alerta que no último ano de
referencia (2011) rexistráronse 2763 novos diagnósticos de infeccións por VIH
dos cales un 53,6% se corresponden con infeccións en HSH (Homes que teñen Sexo
con Homes). Este dato mostra que nun periodo de tan só catro anos a taxa de
novos diagnósticos vese incrementada nun 20%. Nesta liña, GESIDA(Grupo de
Estudio de SIDA) alerta de que as medidas de restrición no acceso da poboación
inmigrante ilegalizada en materia de saúde sexual poden incrementar entre un
10% e un 20% as infeccións por VIH en España e que neste primeiro ano poderán
producirse entre 20 e 50 mortes derivadas desta carencia.
Outras ITXs (Infeccións de Transmisión Xenital) sofren tamén
incrementos nas taxas de incidencia. Tres de cada catro diagnósticos de Sífile
e un de cada dous diagnósticos de Gonococia corresponden a HSH en España (dato
do Sistema EDO de vixilancia epidemiolóxica para ITXs).
As medidas discriminatorias e de recortes do Goberno central
en materia de saúde pública son culpables directas desta situación e o Goberno
de Galicia, como responsable en materia de saúde, é o xestor e cómplice da
ausencia de plans específicos de saúde sexual para as persoas LGTBI.
Dado que a Lei establece igualdade entre tódalas persoas sen
prexuízo de sexo, identidade ou orientación sexual tanto en Galicia como no
conxunto do Estado español, as necesidades LGTBI en materia de prevención e
saúde sexual deben ser correctamente tratadas e expostas a través de plans
específicos e non excluíntes: prevención de ITXs, controis epidemiolóxicos,
revisións médicas, necesidades psicolóxicas e igualdade de trato en campañas
informativas e preventivas, que se complementarán coa elaboración e difusión
doutras específicas. Ao persoal sanitario deberá dárselle ademais formación
adecuada.
A negación por parte do Grupo Parlamentario popular e o
Goberno de Galicia de conformar estas materias específicas en función de saúde
sexual supón unha neglixencia institucional que atenta contra as persoas LGTBI
e o conxunto da poboación.
Afirmar que "a sexualidade pertence ao ámbito da
intimidade" é unha actitude hipócrita por parte dun goberno que pretende
limitar o dereito ao aborto, que se nega a lexislar en materia de
transexualidade e que deixa ao colectivo inmigrante ilegalizado sen atención
sanitaria básica.
Dende ALEAS Esquerda Unida instamos polo tanto, de novo, ao
Grupo Parlamentario Popular e ao Goberno de Galicia a tomar cartas en materia
de prevención, formación e atención con Plans de Saúde Sexual LGTBI, a reclamar
ao Goberno central o restablecemento da sanidade pública universal, a que se
posicionen favorablemente en relación ao Pacto Social pola non discriminación
asociada ao VIH-SIDA, a lexislar políticas específicas para persoas transexuais
e a restituír orzamentos para un plan específico para a comunidade LGTBI.