Un ano máis, ALEAS-EU reivindica a construción da Terceira
República como unha oportunidade para a conquista de dereitos e liberdades por
parte das maiorías sociais en xeral, e para as persoas LGTBI en particular. Tal
e como se ven facendo dende os distintos ámbitos de Esquerda Unida, dende
ALEAS-EU expresamos o noso máis sinceiro apoio aos actos de conmemoración da
proclamación da IIª República. Este período político, se ben desgraciadamente
breve, supuxo enormes avances na igualdade social, así como a consecución de
dereitos e liberdades ata entón descoñecidos, como por exemplo: o recoñecemento
dos dereitos das mulleres, a mellora nas condicións laborais das clases
traballadoras ou a aceptación das diferentes realidades nacionais dentro do
Estado Español son só algúns exemplos disto.
Por desgracia, a totalidade dos progresos democráticos e sociais da República foron eliminados polo bando golpista, que tras catro décadas de ditadura designou como herdeiro do réxime a Juan Carlos de Borbón. Esta elección, e a imposición da monarquía que isto conlevaba, supuxo, unha vez máis, o menosprezo á vontade popular expresada democrática e rotundamente nas eleccións do 12 de abril de 1931 a favor da instauración da República como forma lexítima de goberno. Na actualidade, a cidadanía do Estado Español segue sen ter a oportunidade de votar nun referéndum o sistema de goberno que prefire, -monarquía ou república- a pesar de ser a elección de cargos públicos, tamén a da Xefatura do Estado, un dos principais pilares da democracia. Coa monarquía elimínase o dereito lexítimo da cidadanía a elexir e a ser elexida en elecciones libres e iguais.
Como consecuencia disto, dende ALEAS-EU rexeitamos toda
forma política que dé collida no seu seo a unha representación institucional
mediante a cooptación herditaria por ser esta profundamente antidemocrática,
como é o caso da actual monarquía española. Así mesmo, negámonos a defender un
sistema político herdeiro do anterior réxime franquista que, na figura da
Xefatura do Estado, mantense allea ás responsabilidades propias de calquer
Estado democrático, sen poder estar suxeito a control algún por parte das
institucións públicas e da cidadanía en xeral.
Así tamén, dende ALEAS-EU rexeitamos o sistema monárquico
por machista, ao premiar o feito de ter nado varón, privilexiándoo fronte a
calquer muller á hora de ocupar a Xefatura do Estado e lexitimando así a
situación de subordinación e discriminación das mulleres. Ademais, tamén o
facemos polo seu carácter heteropatriarcal, ao reproducir dilixentemente a
ideoloxía heterosexual no seu seo, representando á familia exclusivamente
formada por un home e unha muller como a socialmente desexable. Parece evidente
que unha institución sustentada en valores retrógrados e anclados no pasado
como é a monarquía non pode ser máis que impotente á hora de dar resposta ás
actuais demandas cidadás no relativo ás liberdades afectivo-sexuais, dado que
estas responden ás características persoais e sociais dunha sociedade madura,
democrática e progresista.
Por todo isto dende a Área de Liberdade de Expresión
Afectivo-Sexual (ALEAS) de Esquerda Unida defendemos a construción dun amplo
proxecto político-social republicano sustentado nos movementos sociais e
populares de todo o territorio do Estado Español, co fin de profundizar na
democratización da vida política así como na participación cidadá dos asuntos
públicos. Dende esta Área vemos ineludibel a necesidade de facer converxer as
diferentes demandas republicanas e LGTBI en torno a un novo proceso
constituínte, baseado na democracia participativa, que favoreza de maneira
efectiva a materialización dos dereitos políticos, sociais, económicos e
culturais da cidadanía, así como a posibilidade de desenvolver as liberdades
referidas á libre elección sexual e afectiva, sen que ningún modelo lexitimador
coarte estas vontades. Dito proceso participativo e horizontal dependerá,
chegado o momento, de que consigamos unha República democrática, igualitaria e
social, construida colectivamente dende abaixo. Do contrario, como ocorre noutros
países do noso entorno, atoparémonos cunha República capitalista e patriarcal,
desprovista de calquer contido político transformador, coa que non poderemos
conformarnos.