No primeiro trimestre de 2013 o número total de persoas desempregadas no Estado Español supera os 5 millóns, a taxa de desemprego xuvenil alcanza o 55%, e máis dun millón de persoas, fuxindo da pobreza, o paro e a precariedade laboral, tiveron que exiliarse nos últimos anos. Esta situación é consecuencia directa da política neoliberal levada a cabo polo Goberno do Partido Popular, que ten como obxectivos principais o desmantelamento do escaso Estado de benestar que tiñamos ata o de agora, a través de sucesivos recortes orzamentarios en servizos sociais básicos como a educación, a sanidade ou as pensións, e a creación de man de obra barata para os Estados máis fortes da UE, como Alemaña. Ademais, a reforma laboral aprobada o pasado ano polo Goberno central arrebata ás clases traballadoras e asalariadas a posibilidade de defender os seus dereitos sociais e laborais.
Estas políticas
de austericidio e de privatización dos servizos públicos teñen consecuencias
perversas para a clase traballadora no seu conxunto e para o colectivo LGBTI en
particular. A interrupción dos programas de reprodución asistida para mulleres
lesbianas e bisexuais, a eliminación das partidas orzamentarias destinadas a
operacións de reasignación xenital ou os recortes en investigación e prevención
do VIH-SIDA afectan especialmente, e con dramáticas consecuencias, aos
diferentes colectivos de persoas LGTBI. Ademais, hai que destacar as
dificultades que as persoas transexuais seguen atopando para acceder ao mundo
laboral, sendo unha gran minoría as e os que finalmente o conseguen. En
definitiva, as persoas LGTBI ven cómo os seus dereitos civís, conquistados
durante décadas grazas a un arduo traballo de sensibilización e de loita
social, sonlles arrebatados nuns poucos meses co manido argumento de que
trátanse de medidas obrigatorias impostas por organismos económicos
internacionais.
Especificamente o
ámbito laboral, a nova reforma neoliberal aprobada polo Goberno central obriga
ás persoas LGTBI a "volver ao armario". A facilidade ofrecida á
patronal para o despido masivo e arbitrario fai que, na práctica, calquera acto
de visibilización dunha orientación sexual e/ou identidade de xénero non
heteronormativa poda motivar un despido non xustificado en termos económicos. A
isto hai que sumarlle o ataque brutal contra o dereito á negociación colectiva
que esta reforma supón, así como a persecución contra as organizacións obreiras
e sindicais. Sen sindicatos nin negociación colectiva pérdense dous
instrumentos esenciais para impulsar a igualdade e o respecto á diversidade no
plano laboral.
Neste contexto,
ALEAS-EU ve ineludíbel construír en torno ao 1º de Maio, Día da Clase
Traballadora, un proxecto común que englobe ás maiorías sociais perxudicadas polas
políticas neoliberais da Troika (FMI, BCE e Comisión Europea) e o Goberno do
Partido Popular. Se nos anos da expansión económica o movemento LGTBI puido
impulsar o debate sobre a idoneidade de construír alianzas concretas cuns ou
outros sectores da sociedade, agora máis que nunca faise patente a
inevitabilidade de converxer en torno a un mesmo proxecto común, construído
colectivamente e dende abaixo. Por iso, a Área de diversidade afectivo-sexual
de Esquerda Unida fai súa a convocatoria de loita social en torno ao 1º de
maio, co obxectivo de facer confluír nun mesmo espazo e nun mesmo discurso as
reivindicacións propias das persoas LGTBI coas da clase traballadora. Porque as
transmaribibolleras tamén somos clase obreira!