A Área de mulleres e
a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual (ALEAS) de Esquerda Unida
queren neste 26 de abril, Día da Visibilidade Lésbica, denunciar a
discriminación en todos os aspectos a este colectivo.
Dende Esquerda Unida reivindicamos, este 26 de Abril, Día da
Visibilidade Lésbica, a liberdade das mulleres, a defensa dos seus dereitos
sexuais, e a máis que nunca necesaria loita contra o heteropatriarcado fronte aos
continuos ataques contra as mulleres en xeral e o colectivo LGTBI en
particular.
O día a día das mulleres lesbianas aínda é, se cabe, máis
difícil que o da maioría das mulleres.
Vítimas dunha dobre discriminación: por ser mulleres e pola súa
condición sexual que non entra dentro da heteronormatividade que rexe as
institucións e a política.
A discriminación xa implícita nesta sociedade patriarcal
sumada os recortes e as reformas que aumentan a precariedade laboral, que
inciden en especial nas mulleres, fai que esteamos a experimentar un “retorno
ao armario”, unha ocultación do modo de vida das mulleres lesbianas por medo a
sufrir represalias ou dificultar o seu acceso ao mundo laboral.
As mulleres lesbianas teñen que soportar os ataques
continuos dende as institucións presionadas pola xerarquía eclesiástica. A
vulneración dos dereitos das mulleres e do colectivo LGTBI está a ser o selo
ideolóxico do Partido Popular. Por un
lado, a modificación da lei do aborto que impón a maternidade ao mesmo tempo
que o Goberno suprime toda axuda dos servizos sociais, a lei de dependencia, e
as prazas nas garderías. Polo outro, as mulleres lesbianas que se queren ser
nais atópanse con trabas nos tratamentos de reprodución asistida e
discriminacións nos rexistros do civil para rexistrar as súas crianzas a nome
de dúas mulleres. Esquecéndose dende as institucións que o matrimonio ten
sempre os mesmos dereitos, con independencia de que sexa homosexual ou
heterosexual. Dende ALEAS Esquerda Unida e a Área de Mulleres reivindicamos, unha
vez máis, a necesidade dun Estado realmente laico libre de imposicións
relixiosas.
A visibilidade lésbica nas escolas e institutos é unha
materia pendente e tabú. O acoso homofóbico ao colectivo LGTBI e a marxinación
que padecen está á orde do día baixo o amparo do Goberno que non fai nada para
atallalo, ao contrario, demostra en moitos casos unha grave falta de
sensibilidade. Baixo políticas ideolóxicas retrógadas, heteropatriarcais e
eclesiásticas eliminase aínda máis a xa limitada visibilidade LGTBI,
suprimindo, por exemplo, a materia “Educación para a cidadanía”.
Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual e a
Área de Mulleres de EU Compostela defendemos que a condición sexual de cada
persoa non é asunto nin do Estado, nin da Igrexa, nin de ninguén máis que a
mesma persoa en cuestión. Felicitamos neste día a todas as mulleres que non agochan
a súa orientación sexual, se non que a viven con orgullo e liberdade loitando
pola normalización do colectivo LGTBI na sociedade.
Porque por máis que o intenten non poderán relegarnos de
novo ao fogar, a boca pechada, controlando as nosas vidas ou os nosos corpos,
nin evitar que sigamos loitando. A loita contra a LGTBIfobia e polos dereitos
das mulleres é unha loita de todas e todos pola construción dunha sociedade
diversa e igualitaria.