Alternativa Galega de Esquerda presentou unha iniciativa en comisión parlamentaria para a creación dun Plan de saúde específico para a comunidade LGTBI (lesbianas, gais, transexuais e bisexuais) no que garanta a igualdade de todas as persoas sen prexuízo de sexo, identidade e orientación sexual tanto en Galicia coma no conxunto de España, iniciativa que foi rexeitada polo PP amosando unha vez máis a súa actitude homófoba e a súa falla de sensibilidade co colectivo.
A deputada Eva Solla calificou de deplorables as declaracións do PP nas que xustificaban a súa votación en contra porque “a sexualidade forma parte da intimidade de cada persoa” e afirmando que “non queren facer güetos na sanidade”.
A deputada de AGE insistiu na necesidade de ofrecer formación aos profesionais sanitarios específica acerca da saúde deste colectivo, para evitar posibles situacións de discriminación por descoñecemento sobre qué facer, e non tanto por actitudes homofóbicas por parte dos profesionais.
As persoas homosexuais, bisexuais e transexuais teñen unhas necesidades en materia de prevención e promoción da saúde diferentes nalgúns aspectos ás que poden precisar as persoas heterosexuais. Coma pode ser o caso da prevención das ITXs (infeccións de transmisión xenital), o seu control epidemiolóxico, revisións médicas (xinecolóxicas, urolóxicas…) ou necesidades psicolóxicas.
Na actualidade gran parte desta atención non se está a prestar axeitadamente por falla de adaptación das campañas xerais de saúde dende unha perspectiva LGTBI e por falla de formación axeitada nos propios profesionais. Isto xera prexuízos tanto para estas persoas de maneira particular coma para o conxunto da sociedade, impedindo a igualdade real de dereitos.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda considera unha cuestión de xustiza que o goberno galego deseñe e poña en funcionamento un Plan de Saúde cara o colectivo LGTBI que inclúa campañas específicas de prevención das ITXs, formación do persoal sanitario acerca da saúde do colectivo e impulsar campañas específicas en materia psicolóxica de cara a previr o maltrato e acoso cara a estas persoas.
Máis información en http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/default.aspx?dia=17/04/2013